Núñez Feixoo avanzou esta quinta feira na rolda de prensa após o Consello da Xunta a aplicación do ‘contrato de continuidade ou de estabilidade’ ao persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saúde, cun mínimo dun ano de duración e tres de máximo, e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade. Porén, o anuncio do presidente galego non convence as destinatarias. Sindicatos como a CIG e plataformas como ‘Enfermeiras eventuais en loita’ amosan o seu especticismo ao respecto, cando non unha crítica directa. Ambas as dúas entidades lembran, aliás, que este contrato que o goberno empezou dirixindo ao persoal médico xa foi criticado e rexeitado por este.
CIG-Saúde di que “consolida a precariedade laboral” e que non fai senón “incrementar a dispoñibilidade horaria e de mobilidade xeográfica das enfermeiras”. Non respecta as libranzas, afirma, e incide en que “o problema da precariedade non é asinar 20 contratos nun mes”.
O sindicato nacionalista exixe a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial para abordar a precariedade laboral no SERGAS e que se adopten as medidas necesarias para rematar coa mesma creando prazas estábeis. Ademais demanda, para poder incrementar o número de prazas, que se remate coa taxa de reposición.
“Espellismo”
“Este contrato de continuidade é anunciado pola Xunta coma un oasis no medio do deserto cando na realidade é un simple espellismo”. Esa é a opinión de Enfermeiras eventuais en loita. “Este mesmo tipo de contrato foi ofertado previamente aos médicos de familia e pediatría sen obter aceptación”.
“A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo: non se cobren moitas das incapacidades temporais dos traballadores fixos, refórzanse os persoais das plantas con contratos de acúmulos de tarefas tamén usados para cubrir “ocos” estructurais, impedindo e alongando a súa conversión a vacante”.