A Xunta estabelece fechamentos en sete novos concellos

Paseos de Nadal en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Tres municipios, entre eles Lugo, verán rebaixadas as súas medidas restritivas por consello do comité clínico. Porén, non se levantan as limitacións de mobilidade no resto das grandes cidades galegas.

A Xunta decidiu incorporar os municipios de Viveiro, Verín, Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Noia e Lousame ao nivel máis elevado de restricións por recomendación das e dos integrantes do comité clínico que asesora sobre a evolución da pandemia na Galiza e que mantivo unha nova reunión esta segunda feira.

Segundo avanzaron fontes da Consellaría de Sanidade o fechamento de Verín, Castrelo do Val, Monterrei e Cualedro será conxunto, ao igual que sucederá coas localidades de Noia e Lousame.

Por contra, o comité clínico de expertas aconsellou rebaixar as limitacións en Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que ficarán sen prohibicións de mobilidade ao estar no nivel básico de risco.

Empeoran o seu balance de contaxios Barro, Redondela, Xinzo de Limia, Xove, Muros, Carral, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal, que entran no listado de lugares no nivel medio alto de restricións.

Por outra parte, haberá unha especial vixilancia sobre Val do Dubra, Padrón, Vedra e Rois. O plan para esta semana de Nadal transcenderá mañá.

Estas decisións chegan unha semana despois de que as autoridades sanitarias acordaran integrar Rianxo na listaxe de concellos co maior nivel de restricións e non variaran os feches perimetrais de seis das sete grandes cidades e as súas áreas, agás entre o 23 e o 25 de decembro.

Resumo da situación

O paquete de medidas será publicado mañá no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrará en vigor ás 00.00 da cuarta feira. A pesar do temor a que os contaxios se incrementaran, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recoñeceu esta mañá que de momento a situación se mantén bastante estábel.

Se ben é certo que nesta segunda feira se notificaron máis pasamentos que nas xornadas anteriores, o cómputo suma vítimas de varios días e, ademais, non hai ningún vencello aparente coa apertura puntual polas festas.

O que si se rexistrou nas últimas xornadas é un incremento dos controis das forzas de seguridade, mais o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, asegurou que os incumplimentos foron reducidos.

Até hoxe a situación dos concellos, a nivel de afección da pandemia na veciñanza, era esta.