A Xunta entrega 205 millóns á sanidade privada

Hospital de Povisa en Vigo, propiedade do grupo Ribera Salud. (Foto: Europa Press)
Os orzamentos públicos son unha das principais vías de financiamento dos hospitais privados. Segundo os propios datos da patronal galega da sanidade, o 37,2% dos seus ingresos proceden de achegas da Xunta da Galiza, sumando en 2019 máis de 205 millóns de euros. Mentres tanto, continúan os retallos no sistema sanitario público.

O Goberno galego entregou aos sanidade privada 205,778 millóns de euros en 2019. Segundo recolle o Informe de fiscalización da conta xeral do Servizo Galego de Saúde de 2019, elaborado polo Consello de Contas, o 62% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada. A contía restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados, entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 136,107 millóns de euros no último exercicio fiscalizado polo Consello de Contas. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade de prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas. Neste sentido, a maioría dos acordos inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade nos centros públicos e privados.

O centro vigués de Povisa é o hospital privado máis beneficiado pola Xunta da Galiza, recibindo en 2019 a cantidade de 78 millóns de euros. O complexo sanitario, propiedade desde 2019 de Ribera Salud, filial española da multinacional estadounidense Centene, mantense desde hai anos no foco, ao ocupar algúns dos seus directivos importantes responsabilidades no Goberno galego, como acontece coa súa anterior xerente María Luisa Brandt Sanz ou a ex conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez. A continuación de Povisa sitúase en achegas públicas o hospital ferrolán Juan Cardona, co 40,8% do seu orzamento, e Polusa de Lugo, co 38,3%, correspondendo a titularidade, tamén, en ambos casos ao grupo Ribera Salud. 

75% dos ingresos de Povisa, de orixe pública

As transferencias públicas son decisivas na conta de resultados dos hospitais galegos de propiedade privada

A este respecto, a Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal) sinala no seu informe referido ao ano 2019 que o 37,2% dos seus ingresos proceden de achegas do Goberno galego. 

Unha das súas principais vías de negocio depende da derivación de persoas doentes do sistema público, unha práctica moi criticada desde os colectivos en defensa da sanidade. Así as cousas, as transferencias a cargo dos orzamentos da Xunta da Galiza representan o 75% na facturación de Povisa e máis de 40% na contabilidade de Polusa e Juan Cardona.

As relacións entre os grupos sanitarios privados e o Executivo galego están no foco da acción fiscalizadora do Consello de Contas. 

Así, no seu informe do ano 2019, o organismo dirixido por José Antonio Redondo afirma que “os contratos nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover concorrencia na oferta” e destaca ademais que “esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado”.

As queixas desa anualidade reiteran as formuladas para o exercicio do ano 2018, onde denuncia existencia de contratos “sen cobertura legal”, así como “servizos nos que non se emprega ningunha forma contractual” e a ausencia de “soporte contractual axeitado” ou a “existencia de obrigacións con entidades (algunhas delas incluídas no apartado “resto de entidades”) que non están soportadas por un concerto ou autorización de uso”.