Política

Feixoo di que hai 124 casos de COVID-19 en hospitais privados, aos que "evidentemente, se lles vai pagar"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dixo que nestes momentos aínda "non hai saturación". 
Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu esta sexta feira que a sanidade pública está a coordinarse xa coa privada para a atención a persoas con COVID-19 na Galiza e dixo que, nestes momentos, son 124 os pacientes con esta patoloxía ingresados en hospitais privados do país, aos que "evidentemente, se lles vai pagar" pola asistencia.

A preguntas dos medios após a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feixoo reiterou que "toda a planta de hospitais públicos e privados" está "a disposición" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para facer fronte á pandemia, unha cuestión que está "protocolizada".

Con todo, e diante das críticas da Alianza da Sanidade Privada Española sobre a suposta non utilización dos seus recursos, o presidente galego desmentiu esas afirmacións dado que, nas súas palabras, na Galiza "non están cheos os privados do mesmo xeito que non están cheos os públicos".

Así, Feixoo explicou que o Sergas ten "mais de 7.000 camas" e mantén ocupadas por COVID-19 na contorna de 900, polo que os recursos están a utilizarse "en función das necesidades". "Ningún xerente ten ningunha indicación do Sergas de non ocupar camas privadas", subliñou.

Da mesma maneira, sinalou que os centros privados na Galiza dispoñen de 44 camas de UCI que, "iranse ocupando segundo as necesidades de cada área sanitaria". "Non pensemos que temos miles de camas de UCI en hospitais privados sen utilizar", apostilou.

Pagos á privada "en función do concerto"

O presidente galego detallou que, neste momento, os hospitais privados galegos xa teñen ingresados 124 pacientes con coronavirus e que "se se necesitan" camas "nalgún hospital concreto" ou en "unha área sanitaria concreta" por este motivo, iranse "remitindo", aínda que admitiu que tamén se necesita deixar centros para "cirurxías urxentes" e pacientes doutro tipo.

Finalmente, Feixoo confirmou que a asistencia a estes pacientes que se deriven á privada terase que abonar "en función do concerto" vixente. "Á sanidade, privada, evidentemente, váiselle a pagar", dixo o presidente galego, que engadiu que "se cadra por iso" hai hospitais privados "fóra da Galiza que están a reclamar que se lles utilice". "A menos que o hospital condone unha parte das súas tarifas, imos ter que pagalas", resolveu.

Comentarios