A Xunta propón un marco "estábel" para ampliar a capacidade dos locais de hostalaría en toda Galiza

Varias clientas nunha terraza da Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O novo modelo, pendente de incorporar as alegacións que presente o sector, propón un aumento da cabida dos estabelecementos por tramos ligada ao cumprimento rigoroso dunha normativa anticovid extraordinaria.

O sector da hostalaría reuniuse esta sexta feira con representantes do Goberno galego co obxectivo de fixar un novo modelo que garanta a apertura de bares, restaurantes, pubs e discotecas ao tempo que se avanza no control da transmisión do SARS-Cov-2

Tras rexeitar o TSXG a obriga de presentar o certificado Covid ao entender que a medida non evita os contaxios nin demostrou ser eficaz, Xunta e hostalaría procuran un marco definitivo que lles permita aos empresarios seguir traballando malia a evolución epidemiolóxica da Covid.

Así, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, mantiveron unha reunión con representantes da hostalaría galega co obxectivo de buscar unha solución consensuada e alternativa ao endurecemento das restricións. Na xuntanza propúxose unha ampliación por tramos da capacidade dos locais, ligada á responsabilidade do sector ao cumprimento de medidas anticovid extraordinarias.

Un modelo para toda Galiza

Sanidade remitíu aos representantes da hostalaría un documento elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública no que se recollen os indicadores que permitirán unha maior apertura dos locais de ocio. Trátase dun marco "definitivo e estábel" para o sector que ofrece un sistema xeral para toda Galiza.

O documento, aínda aberto á espera de recibir e estudar as alegacións que presente o sector, recolle a execución de medidas mási exixentes como a instalación de medidores de CO2 con sondas para limpar o aire, o uso de menús QR, p uso de manteis dun só uso ou levar a cabo unha maior limpeza periódica dos locais. 

Con todo, avanza o Goberno galego, o documento final someterase a análise por parte do Comité Clínico para a súa aprobación e posterior posta en marcha.