medio ambiente

A Xunta tarda un mes en activar o plan anticontaminación polos pellets: "Como no Prestige, afrontámolo concellos e veciñanza"

Os pellets encontrados nas rías de Arousa e Muros-Noia (Foto: Noia Limpa).
Concellos e sector critican a xestión da Xunta na crise dos pellets: "Estamos sós".

Os pellets, pequenas bolas de plástico, continúan a chegar por miles á zona da costa galega comprendida entre Muros (na comarca homónima) e Ribeira (O Barbanza). Proceden da perda de parte desta mercancía dun buque a principios de decembro fronte  a Viana do Castelo (noroeste de Portugal) e foron detectados por vez primeira na Galiza o 13 de decembro —nunha praia de Ribeira— e a día 5 de xaneiro, continuaban a chegar. "Pasou un mes e en todo ese tempo non se activou nin plan de continxencias nin un plan de actuación, nada" por parte das Administracións responsábeis, lamenta a alcaldesa de Muros, María Lago, en conversa con Nós Diario.

E é que non foi até a tarde desta sexta feira cando a Xunta da Galiza decidiu activar o plan anticontaminación. A tardanza na resposta tamén foi criticada por Xaquín Rubido, biólogo, portavoz de Nunca Máis e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). "Que esas boliñas de plástico cheguen á costa é o sinal dun fracaso, a constatación de que non funciona o sistema ou protocolo de protección das nosas costas".

O rexedor de Ribeira, Luís Pérez Barral, indica a este medio que até esta semana non tiveron novas da Xunta, malia que foi nunha praia dese municipio onde se detectaron por vez primeira os pellets a mediados de decembro. Un contacto reducido a unha carta "nas que se nos di que Gardacostas fai vixilancia e que a limpeza das praias é competencia municipal".

David Soto, doutor de Dereito procesual na UDC, sinala que a "lei de Administración local da Galiza atribúe aos Concellos a limpeza de residuos. Mais isto [os pellets] non son residuos", destaca. "A Xunta ten a competencia en medio ambiente. E debe afrontala", conclúe.

Luís Pérez incide en que desde a Xunta "non se está a facer coordinación, nin informan nin sinalan protocolos a seguir, cada Concello retira os pellets na medida das súas posibilidades e como pode". Algo que partilla a alcaldesa de Muros: "Non temos medios para afrontar isto, está afectado todo o noso litoral e seguen chegando pellets. Todo vai nas costas dos Concellos", apunta, e recoñece que se senten "totalmente desamparados" polo "desleixo" da Administración galega ante esta "crise". "Non pode ser", explica Lago, "que se poña antes en contacto con nós o avogado da navieira do buque que levaba esta mercancía que a Xunta". "Ao final, como aconteceu no Prestige, son os Concellos e a veciñanza quen fan fronte ao problema ante unhas autoridades desaparecidas", denuncia Rubido. 

O BNG exixiu esta sexta feira a "actuación inmediata" do Estado e da Xunta na limpeza das praias. O deputado no Congreso, Néstor Rego, solicitou información ao Estado sobre os medios que dispuxo  e  as medidas que implantará. 

Mercancía perigosa?

Os pellets non figuran no código internacional de mercancías perigosas. Porén, diferentes axentes (desde aseguradoras até ambientalistas) queren que se lle considere como tal, o que obrigaría a unhas condicións máis estritas para o transporte. Por exemplo, as autoridades terían que ser informadas de calquera perda e poderían identificar máis rapidamente a zona afectada. Calcúlase que cada ano caen a augas europeas 200 toneladas deste produto.