A Xunta destina este curso 30 millóns de euros a pagar o profesorado de relixión

A Consellaría de Educación dedica neste curso 29,7 millóns de euros ao pagamento do profesorado de relixión. Un persoal docente integrado actualmente por perto de 690 profesores e profesoras que a Administración galega paga mais que designa a Igrexa, a mesma que se encarga  de determinar que contidos se dan ou non na materia de relixión, que na Galiza curan máis de 150.000 alumnos e alumnas.

O Tribunal Supremo (TS) vén de unificar doutrina e estabeleceu que as profesoras e os profesores de relixión deben ter contrato indefinido. Na Galiza o persoal docente desta materia no curso 2022/2023 é de 686 persoas, segundo os datos da Consellaría de Educación. Son 133 menos que hai unha década, curso 2012/2013, cando eran 849. Porén, a partida que a Xunta destina a pagar eses profesores e profesoras apenas variou, era de 29,5 millóns de euros hai unha década e é de 19,7 millóns no actual curso.

Un profesorado que non accede ao seu posto a través de exames ou oposicións, senón que é escollido pola Igrexa. É ela quen decide que determinada persoa, que vai ser paga con diñeiro público, sexa contratada para impartir esta materia, e tamén quen decide que esa persoa sexa despedida. "Paga a Xunta mais decide a Igrexa", resume Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario entre o profesorado. Unha situación que tamén se dá a respecto do propio  contido da materia: "É a Igrexa quen determina o que vai aí e o que non". Para Bermello estamos perante unha "privatización do proceso de selección de persoal a favor do Episcopado".

Gastos

O profesorado de relixión en Secundaria, Formación Profesional e outras ensinanzas supón este curso para a Consellaría un gasto de 10,4 millóns de euros. Aquí o número de docentes é de 218. 

Para Ensino Infantil, Primaria e ESO, esa cantidade elévase a 18,5 millóns, sendo o número de profesores e profesoras, 468.

Eses case 30 millóns de euros para pagar este profesorado elixido polos Episcopados —e que deben ter a declaración eclesiástica de idoneidade outorgada pola Diocese correspondente e que dá fe dunha doutrina "recta" e testemuña a "vida cristiá"— equivalen, por exemplo,  a 60% do que a Consellaría destina este curso a comedores escolares, ao redor de 50 millóns de euros e que atende 60.000 alumnos e alumnas. É unha cantidade similar ao total que a Xunta consigna para actuacións de sustentabilidade e eficiencia enerxética  nos centros de ensino (31 millóns) e máis do que Educación destina a liñas de axudas a familias para adquirir  libros de texto (23 millóns).

Por volta de 160.000 alumnos e alumnas galegas cursan a materia de relixión este curso. Os datos do Ministerio de Educación mostran unha diferencia máis que notábel á hora de optar por relixión entre o estudantando de centros públicos e o de centros concertados / privados.

No que respecta a Primaria, 53% do alumnado cursa esta materia, mentres que nos concertados e privados esa porcentaxe elévase a 77,6%. Unha fenda que tamén se rexistra en Secundaria —51% dos estudantes na pública elixen relixión por un 75% nos outros—.

No Bacharelato é onde a diferencia convértese nunha fenda: mentres apenas 30% dos estudantes nos centros públicos cursan relixión, nos concertados e privados esa porcentaxe é 33 puntos maior: 63%.

Neste sentido, e con datos correspondentes ao curso pasado, dos 419 centros de ensino non universitario de titularidade privada que hai na Galiza, 227 escolas tiñan subscritos concertos educativos coa Administración galega, cuxo custo total abeirou os 300 millóns de euros, o que supuxo 12,2% do orzamento total de Educación, excluíndo a universidade.

Cando paga o Estado

O soldo dos profesores de relixión que paga o Estado bateu o presente curso o seu récord con 115 millóns de euros para Infantil e Primaria. O Ministerio de Educación paga retribucións a estes docentes en centros de ensino de Andalucía, Aragón, Cantabria, Canarias, Ceuta e Melilla.