A Consellaría de Educación publicou esta quinta feira un chío na rede social Twitter no que gaba a participación de centros de ensino con réxime de concerto coa Xunta nas procesións relixiosas da Semana Santa.
"Sabías que algunhas das confrarías galegas están vinculadas a colexios concertados e moitos dos seus alumnos participan nesta tradición? Son exemplos disto a Confraría da Mercé de Ferrol, a do Colexio Tirso de Molina e a dos Irmáns de Compostela no Colexio da Inmaculada", expón a publicación desta conta oficial.
⛪ Sabías que algunhas das confrarías galegas están vinculadas a colexios concertados e moitos dos seus alumnos participan nesta tradición?
— EduXunta (@EduXunta) April 14, 2022
Son exemplos disto a @CofradiaMercedFerrol co Colexio Tirso de Molina e a dos Irmáns de @SemStaSantiago no Colexio da Inmaculada pic.twitter.com/q1VzdVyANF
O chío suscitou a polémica e moitos usuarios e usuarias reprocharon que a Administración pública faga "propaganda dos colexios concertados" e loe a "mestura de Igrexa e escola".
De verdade @RomanLalin, pensas que este chío é de recibo?
— 🛰 Diego Boquete (@Onosolar) April 14, 2022
De verdade?!?!
O artigo 16 da vosa sacrosanta constitución xa queda para outro chío, non?
Seguiremos loitando por botar a relixión da escola pública!!
👏@EduXunta👏 https://t.co/c57pPrHBmF
Sabías que algunhas das consellerías galegas están vinculadas a colexios e negocios privados e moito do seu presuposto acaba alí?
— Aleksi (@Aleksiananas) April 14, 2022
Son exemplos disto Consellería de Educación e a Presidencia. https://t.co/5W5UCuiKCt
A sério? Un perfil institucional? Coles relixiosos financiados con cartos públicos? Supoño que na cabeza de alguén este chío foi unha boa idea. https://t.co/PhaBKN1vj3
— Estefinha (@BustoDopazo) April 14, 2022
Eu son da PÚBLICA... E o diñeiro público non debería subvencionar tradicións relixiosas nin tampouco difundilas desde un perfil institucional... #Porunensinolaico https://t.co/0wVaOvBQE6
— Cris L. Graça (@CrisEleGue) April 14, 2022
Cómpre lembrar a este respecto que o artigo 16.3 da Constitución española de 1978 estabelece que "ningunha confesión terá carácter estatal" e, se ben recoñece que "os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións", o Estado constitúese baixo o concepto da "aconfesionalidade"; isto é, que non se adhire a ningunha relixión nin poderá primar unhas sobre as outras.
A relixión impera na escola concertada
Tal e como informou Nós Diario o pasado mes de setembro, na Galiza hai un total de 1.646 centros de ensinanza non universitaria, dos cales 1.227 son públicos e 419 de titularidade privada. Dentro desta clasificación, 227 escolas teñen subscritos concertos educativos coa Administración galega, cuxo custo total achégase aos 300 millóns de euros (12,2% do orzamento total de Educación, excluíndo a universidade).
Aliás, 112 das 227 escolas con concerto son de carácter relixioso, isto é, practicamente unha de cada dúas. Nós Diario tivo acceso a estes datos após formular unha petición á Consellaría a través do portal de Transparencia da Xunta.
A meirande parte destes centros englóbase na rede Escolas Católicas (EC), fundada en 2005 como herdeira da franquista Federación Española de Relixiosos do Ensino (FERE), operativa desde 1957.
EC ten por obxectivo "fortalecer a escola católica e axudar as entidades titulares e os seus centros para desenvolver desde a súa identidade o seu papel evanxelizador e educativo". Tamén insta a "desenvolver un papel fundamental na tarefa evanxelizadora da Igrexa española nun clima de mutua confianza".