O profesorado de Relixión, pagado pola Consellaría pero elixido pola Igrexa, debe ter contrato indefinido

Un crufixo nunha escola (Imaxe: Pelenguino)

O Tribunal Supremo (TS) unificou doutrina e estabeleceu que as profesoras e os profesores de relixión deben ter contrato indefinido.

Nunha sentenza, o tribunal estima o recurso dun profesor de Granollers que demandou a Consellaría de Educación da Generalitat tras encadear contratos temporais. En primeira instancia, o Xulgado Social 1 de Mataró fallou a favor do profesor, pero a Generalitat recorreu perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya e este anulou a primeira sentenza aceptando os argumentos de Educación.

Con todo, agora o Supremo estimou o recurso do docente, co que anula a resolución do TSXC e dá por boa a decisión da xuíza de Mataró. O recurso do profesor ante o Supremo pedía ao tribunal unificar doutrina sobre este asunto tras pronunciamentos contraditorios entre os tribunais superiores de Catalunya e de Castela-A Mancha.

Réxime “especial”

Os maxistrados lembran que a Lei de Educación dá "un réxime especial para os profesores de relixión, sendo unha das especialidades que o rexen a contratación laboral, que só pode ser por tempo indefinido, salvo nos casos de celebración dun contrato de interinidade por substitución".

O tribunal apóiase nunha sentenza que xa ditou en novembro de 2022 facendo referencia a esta lei e ao Real Decreto que regula a relación laboral dos profesores de relixión.

Paga a Administración pero elixe a Igrexa

Como o resto do profesorado, o salario das e dos docentes de Relixión son asumidos pola Administración educativa, é dicir, polas comunidades autónomas, no caso galego a Consellaría de Educación. Mais quen elixe o profesorado é a propia Igrexa. Non hai exames nin oposicións.

Para impartir Relixión, é necesario cumprir coas seguintes condicións: posuír unha titulación en Maxisterio ou o Grao de Mestre para Primaria, ou ben unha licenciatura de Secundaria. Tamén ter a declaración eclesiástica de idoneidade outorgada pola diocese correspondente e que dá fe dunha doutrina "recta" e testemuña a "vida cristiá".

Pídese, tamén a declaración eclesiástica de competencia académica e mais a recomendación do bispo da diocese correspondente.