A Xunta deixou sen utilizar os bombeiros dos parques lugueses para combater a vaga de  lumes

Os veciños de Chavaga en Monforte apagando os incendios cos seus propios medios ante o abandono da Xunta

As evidencias sobre o descontrol na xestión da vaga de lumes da pasada semana son cada día máis claras. Xosé Ferreiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo, denunciou que “cando dende a Xunta se recorría á axuda externa e se dicía que os medios estaban superados, vimos veciñas e veciños tentando apagar o lume con caldeiros mentres camións e bombeiros estaban nos parques comarcais porque non se contou con eles nunhas xornadas tan difíciles para o noso país”.

Malia tratarse o consorcio provincial de bombeiros de Lugo dunha entidade participada maioritariamente pola Xunta de Galiza e estar presidido polo director xeral de emerxencias e interior da Vicepresidencia e da Consellaría da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza Luís Menor Pérez, o goberno galego renunciou a utilizar os seus medios materiais e humanos. Segundo se afirma desde o grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, “este feito é significativo de como a Xunta de Galiza coordena os medios de extinción, ignorando os recursos propios e máis achegados á poboación”. 

 

A Xunta renunciou a utilizar a 174 bombeiros en Lugo. Os medios humanos e materiais do consorcio provincial de bombeiros de Lugo distribúense nos parques comarcais de Chantada, Monforte, Vilalba, Sarria, Viveiro e Barreiros, conformados quer por equipamentos específicos para a loita contra o lume quer por camións de bombeiros ou motobombas quer por persoal formado e especializado no combate contra os incendios. Segundo puido saber o BNG, a Xunta non só renunciou a utilizar estas dotacións, senón que chegou a rexeitar o ofrecemento dos propios bombeiros dos parques de Lugo que se apresentaron voluntarios ao longo do domingo 13 para facer fronte á situación criada. Ao tempo, non deixa de sorprender a negativa do goberno galego a botar man destes efectivos, cando as bases dalgúns destes profisionais atopábase en zonas próximas a algúns dos focos incendiarios, como acontece en  Chantada, Monforte, Vilalba, Sarria. A día de hoxe, a Xunta de Galiza aínda non explicou os motivos de tal decisión, mantendo un absoluto silencio sobre o tema que está a provocar un grande malestar nas áreas afectadas pero tamén nos propios profesionais.

 

A Xunta rexeitou o ofrecemento dos bombeiros dos parques de Lugo que se presentaron voluntarios ao longo do domingo 13 para facer fronte aos lumes

 

A sexta feira 20 de outubro extinguíase o último incendio activo en Lugo. As equipas contra o lume daban por rematado nesa xornada as chamas que asolaron a parroquia de Donis no Concello de Cervantes, após unha semana de actividade en que ficaran arrasadas miles de hectáreas de grande valor ambiental incluídas na reserva natural d´Os Ancares, entre as que destacan o bosque de Vilarello de Avisedo. Ao longo da semana tamén sofreron a acción incendiaria as vivendas e núcleos habitados desta comarca, como Xantes ou Vilarello, chegando a desaloxarse os establecementos hoteleiros do Piornedo, un dos centros turísticos da zona. Algúns dos veciños deste lugar consultados por Sermos Galiza non dubidan en sinalar “a falta de medios, principalmente aéreos” como a causa fundamental de que “o lume se desmadrase”, o que choca co grande despregamento do operativo de helicópteros cando case unha semana despois a conselleira de medio rural Ánxeles Vázquez visitou a localidade.  

 

A vaga incendiaria non ficou reducida á comarca d´Os Ancares. Alén do lume de Cervantes -canda os rexistrados en Monforte de Lemos foron os que representaron máis perigo para as persoas-, outros moitos concellos de Lugo foron golpeados polo lume. Así na comarca da Ribeira Sacra, canda a súa capitalidade, O Saviñao, A Pobra de Brollón e Chantada, na comarca de Sarria, Samos e Triacastela, na Ulloa, Antas de Ulla, na Terra Chá, Castro de Rei, Outeiro de Rei e A Pastoriza, e tamén Guntín, Friol ou Quiroga. As queixas veciñais son unánimes na totalidade dos concellos afectados, sinalando fundamentalmente a falta de medios para loitar contra o lume, pero por riba de todo a situación de abandono por parte da Xunta, o que os obrigou a afrontar co seus propios medios materiais e humanos ao lume.