Sanidade pública

MAPA | 85 concellos quedaron sen pediatra desde 2004 e xa son 194: cal é a situación no teu concello?

A prestación pediátrica ofrécese en 119 concellos galegos. (Foto: Nós Diario).

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de facer públicos os datos sobre a asistencia pediátrica na Galiza no ano 2023. As cifras do IGE apuntan que desde 2004 o cadro de persoal de Pediatría en Atención Primaria reduciuse un 19,8%, ficando nese período 85 concellos sen este servizo sanitario.

A Atención Primaria galega conta con 325 prazas de Pediatría, mais unha parte significativa delas permanecen vacantes durante todo o ano e outras son cubertas por persoal non especializado. Segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE), Galiza perdeu 80 profesionais entre o ano 2004 e 2023, diminuído o número de pediatras nos centros de saúde da Galiza nun 19,8%. Ademais, tense incrementando dunha maneira considerábel o índice de idade dos cadros de persoal de Atención Primaria, xerándose un importante envellecemento destes especialistas.

Os datos fornecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para 2023 indican que 80 pediatras en activo superan os 63 anos. Tres deles contan con 70 anos de idade; 45 sitúanse entre 65 e 69 anos e 31 entre 63 e 64 anos. Así, o 25,1% dos facultativos especializados en Pediatría rexistran unha idade superior aos 63 anos. De feito, a oferta de MIR para cubrir as baixas producidas cada ano nos cadros de persoal polas xubilacións resulta insuficiente. Neste sentido, agudízase a tendencia avanzada pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria en 2020, cando perto do 85% dos pediatras galegos en activo tiñan máis de 50 anos, 40% deles máis de 55 anos e 33% superaban os 60 anos.

Sen persoal titulado

Un total de 42 prazas desta especialidade nos centros de saúde da Galiza non son atendidas por persoal coa titulación requirida. Nesta liña, a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria sinala que o 13,1% das prazas están cubertas con persoal con formación en Medicina Familiar, que na maior parte dos casos recibiron cursos de Puericultura. A este respecto, Vanesa Viquendi, voceira do colectivo Pediatras e Matronas Xa!, sinala a Nós Diario “os problemas provocados por esta situación”, xa que “unha parte dos médicos de familia que atenden prazas de Pediatría néganse a medicar nenos menores de dous anos por responsabilidade e derívanos ao centro de referencia ou ás propias urxencias dos hospitais”.

As prazas vacantes

As últimas cifras ofrecidas polo Goberno galego sinalan que 119 concellos galegos contaban con servizo de Pediatría en 2023, o sete municipios máis con esta prestación que en 2022 e o mesmo número que en 2021. Segundo estas datos fornecidos polo IGE, organismo dependente da Xunta da Galiza, as crianzas de 61,9% dos concellos galegos carecen de pediatras, porén a realidade é que unha parte das prazas recoñecidas polo Sergas a diferentes centros de saúde permanecen vacantes durante todo ano.Precisamente, esta situación provocou conflitos nos últimos meses, con especial incidencia en comarcas como A Limia, O Carballiño, O Condado, A Mariña ou Verín.

Lugo e Ourense   

As peores cifras de asistencia pediátrica rexístranse nos centros de saúde das áreas sanitarias de Lugo e Ourense. Así, por exemplo, na primeira delas só contan con Pediatría 14 concellos, un máis que en 2022, véndose obrigada a desprazarse para recibir atención pediátrica a veciñanza de 53 municipios. Neste sentido, a comarca dos Ancares só dispón dun especialista en Becerreá para atender seis concellos cun total de 511 crianzas. O servizo, na comarca da Fonsagrada, redúcese a un profesional un día á semana para atender as crianzas dos municipios de Baleira, Fonsagrada e Negueira de Muñiz, que suman 246.

As vacantes nos centros de saúde da área de Lugo son numerosas. Sarria ten recoñecidas dúas prazas de Pediatría para atender as 1.984 crianzas menores de 14 anos dos seis concellos da comarca, mais unha delas permanece sen cubrir desde outubro de 2023. Outro tanto acontece na comarca da Mariña, onde están creadas oito prazas de Pediatría para prestar asistencia sanitaria a 7.112 menores de 14 anos, pero catro delas permaneceron vacantes ao longo de todo o ano 2023. Nesta situación atópase a única praza do centro de saúde de Cervo ou dúas do ambulatorio de Viveiro.

A situación non é mellor na área sanitaria de Ourense, onde carecen de servizo de Pediatría 82 concellos e as comarcas da Baixa Limia, Caldelas, Trives e Viana. Nesta demarcación sanitaria, as persoas menores de 14 de anos de Viana do Bolo están obrigadas a percorrer 51 quilómetros para acudir a Pediatría a Verín ou a transitar 46 quilómetros para recibir asistencia no Barco de Valdeorras. Ademais, confírmase a tendencia á centralización dos servizos, pois prestan atención pediátrica na cidade de Ourense o 52,9% dos profesionais da área.

A conflitividade

Por outra parte, a asistencia pediátrica non se oferta nalgúns dos concellos con prazas creadas. Así, por exemplo, o Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño ten asignadas dúas prazas de Pediatría pero desde setembro de 2023 permanecen vacantes. A situación repítese en Xinzo de Limia, onde o centro de saúde da localidade ficou sen os dous profesionais que prestaban asistencia aos 1.700 menores de 14 anos da comarca. O centro de saúde Verín conta con dous profesionais de Pediatría menos que os asignados polo Sergas, véndose obrigado un só facultativo a prestar asistencia a 2.013 crianzas da comarca e a outras 455 da área de Viana.

Os recortes nos servizos de Pediatría afectan a todas as área sanitarias

A asistencia pediátrica tense deteriorado de maneira moi acusada na Galiza nos últimos 20 anos. Se á volta de 2004, o Sergas recoñecía que 204 concellos, o 65,1% do total dos municipios do país, contaban con servizo de Pediatría nos seus centros de saúde, en 2023 a cifra reducíase a 119, o que representa o 38,1%. Neste sentido, nas dúas últimas décadas 85 concellos deixaron de contar con pediatras, o que significa unha caída na prestación do servizo nese período de 57,9%.

Os recortes dos servizos de Pediatría en Atención Primaria téñense efectuado de maneira sostida nas sete áreas sanitarias da Galiza. Neste sentido, en 2004, só tres concellos da área sanitaria da Coruña-Cee non dispuñan de prazas de pediatra nos seus centros de saúde, porén esta cifra aumentou a 18 en 2023. Na mesma liña, na área sanitaria de Ferrol oito concellos perderon o servizo de Pediatría neste período, pasado dun municipio sen servizo en 2004, Cabanas, a nove en 2023. Ao tempo, na área sanitaria de Compostela ficaron sen esta prestación nas últimas dúas décadas 15 municipios.

As cifras repítense para as áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, Vigo e Lugo. Na primeira delas, nove concellos ficaron  sen asistencia pediátrica desde o ano 2004 e na segunda sete. Ao tempo, na área sanitaria de Lugo, 18 municipios perderon o servizo neste período, pasando de 32 con prestación en 2004 a 14 en 2003, e na área sanitaria de Ourense 12, ficando reducida a atención en 2023 a 10, tras amortizarse 12 prazas desde o ano 2004.