Sanidade pública

As eivas da sanidade galega: máis do 74% dos concellos galegos carecen de atención pediátrica

Concentración en defensa do servizo de Pediatría no Carballiño. (Foto: Nós Diario).

O Carballiño, Verín e Xinzo saíron onte á rúa en defensa da sanidade.

O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia acolleron na xornada de onte nutridas mobilizacións en defensa da atención pediátrica nesas localidades. As marchas estiveron convocadas polas plataformas cidadás que veñen demandando unha asistencia sanitaria de calidade para as crianzas desde hai meses. Os problemas das comarcas do Carballiño, Verín e Xinzo de Limia repítense por toda a Galiza.

A primeira das mobilizacións tivo lugar pasadas as 18.30  horas na praza Maior do Carballiño. Neste caso, a concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da localidade demandou a cobertura das dúas prazas de Pediatría no Punto de Atención Continuada (PAC) da vila, vacantes desde o pasado mes de setembro. A falta de profesionais deixou sen asistencia sanitaria un total de 2.312 crianzas da comarca do Carballiño, formada polo concello homónimo e os municipios de Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

A segunda das protestas tivo como escenario a praza do Concello de Verín. Neste emprazamento, centos de persoas mobilizadas polo colectivo Pediatras en Verín Xa demandaron pasadas as 19 horas unha mellora na asistencia pediátrica. Malia que o PAC da localidade conta con tres prazas de Pediatría, só unha delas está cuberta, véndose este profesional na obriga de atender 2.013 crianzas desa comarca e outras 455 da área de Viana. Á volta de 2019 a área sanitaria de Verín evidenciaba a realidade desta especialidade médica.

Xinzo de Limia

A última das mobilizacións arrancou pasadas as 20 horas do centro de saúde de Xinzo de Limia e rematou na praza Maior da vila. A marcha, organizada pola Plataforma de Loita Pediátrica da Limia, denunciaba que a Xunta da Galiza deixou sen pediatras o Punto de Atención Continuada (PAC) de Xinzo, onde se emprazaban os dous únicos profesionais que atendían as 1.700 crianzas dos concellos de Baltar, Os Brancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A situación destas tres comarcas repítese en toda a Galiza. Esta realidade obriga os pais e as nais do groso dos municipios galegos a acudiren coas súas crianzas á sanidade privada ou ás urxencias dos hospitais galegos para seren atendidas, cos problemas que xera, ao tratarse en moitos casos de viaxes longas. A maiores, a ausencia deste servizo en Atención Primaria favorece o colapso das urxencias hospitalarias.

As cifras do Sergas

As últimas cifras ofrecidas pola Consellaría de Sanidade, referidas a 2022, sinalan que o 64,2% dos municipios da Galiza non contan con pediatras, prestando a atención en 13,1%  destes persoal médico sen a titulación e sen a formación axeitada. A maiores, SOS Sanidade Pública apunta que o Goberno galego mantén vacantes perto do 10% das prazas de Pediatría existentes, tal e como acontece nas comarcas do Carballiño, A Limia e Verín. Precisamente, este colectivo denuncia que a Xunta da Galiza traballa para deixar a Atención Primaria "sen asistencia pediátrica" co obxectivo de concentrala nos hospitais das áreas sanitarias.