A Xunta define como "adecuación" dos cadros de persoal o "tesoirazo" de 800 docentes denunciado polo BNG

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
A principal forza da oposición critica que o sistema educativo público na Galiza contará con 800 docentes menos no vindeiro curso académico.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu que este curso académico "vai haber un número de profesores moi semellante ao que houbo no último curso". Con todo, matizou que haberá unha "adecuación" nos cadros de persoal dos centros educativos, con "base a realidades demográficas e a demandas do alumnado", xa que haberá 7.600 crianzas menos en Infantil e Primaria, segundo os datos que manexa o Goberno galego.

A preguntas da prensa esta segunda feira, Rodríguez sostivo que será "un número superior" de mestres ao último curso prepandémico, o 2019-2020, a pesar de que haberá "uns 15.000 alumnos menos" en todos os niveis educativos.

As declaracións do conselleiro chegan despois de que o pasado 18 de agosto, o portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, denunciase o "tesoirazo" de entre 700 e 800 docentes de cara ao vindeiro curso na Galiza.

Tal e como lamentou Lourenzo, a resolución do 2 de agosto da Consellaría de Educación recolle que neste exercicio haberá perto de mil docentes menos a respecto do curso anterior. Pondo este dato en relación cos interinos que se incorporarán este ano a partir das oposicións e coas xubilacións, dá como resultado entre 700 e 800 profesores menos, indicou.

Educación desmente a oposición

Ante esta denuncia da principal formación da oposición, Román Rodríguez respondeu que eses datos "poñen en evidencia a quen os di" e "nada teñen que ver coa realidade". "O tempo pon a cada un no seu sitio", afirmou,  para despois engadir que "dentro de pouco tempo vanse arrepentir de contar unha trola tan grande a todos os galegos".

Pola súa parte, os nacionalistas seguen a demandar que o Executivo galego "dea marcha atrás" no seu anuncio de que non vai convocar oposicións para repor o profesorado de cara ao curso que comeza en setembro. "Exiximos que para o próximo curso si teñamos oposicións de reposición para acabar con esta política de precariedade e desmantelamento do sistema educativo", sentenciou Lourenzo.

"Debemos incorporar ao sistema educativo de inmediato, cando menos, mil profesores máis e, desde logo, hai que facer unha aposta clara e decidida polo sistema educativo para que a Xunta deixe de enfocar a súa política en aras do beneficio do ensino privado", concluíu.