Case 800 docentes menos: o BNG critica o "tesoirazo" da Xunta en Educación

O deputado Manuel Lourenzo exixe a convocatoria de oposicións de reposición de cara ao vindeiro curso escolar.
Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, denunciou nesta quinta feira o "tesoirazo" de entre 700 e 800 docentes de cara ao próximo curso na Galiza e pediu á Xunta que "rectifique" e convoque oposicións de reposición este ano.

Tal e como lamentou Lourenzo, a resolución do 2 de agosto da Consellaría de Educación recolle que neste exercicio haberá perto de mil docentes menos a respecto do curso anterior. Pondo este dato en relación cos interinos que se incorporarán este ano a partir das oposicións e coas xubilacións, dá como resultado entre 700 e 800 profesores menos, indicou.

Para os nacionalistas, isto supón un novo "tesoirazo para o ensino público" que trae "consecuencias devastadoras" dado que os alumnos e alumnas "van ter que iniciar o novo curso con aulas masificadas".

"Estamos a falar tamén de que vai haber moitas materias afíns, polo que o alumnado vai estar en todos os centros da Galiza recibindo en moitísimos casos a súa formación a través de profesorado non especialista", criticou o deputado do Bloque.

Ao seu entender, esta é unha realidade que o Goberno galego "xa non pode ocultar", porque son os propios directores dos centros os que "están a dicir que xa abonda", presentando as súas dimisións ante a Consellaría, como foi o caso da directiva do IES A Sangriña, na Guarda.

"Debemos incorporar ao sistema educativo de inmediato, cando menos, mil profesores máis e, desde logo, hai que facer unha aposta clara e decidida polo sistema educativo para que a Xunta deixe de enfocar a súa política en aras do beneficio do ensino privado", reivindicou.

Por iso, reclamou ademais que o Executivo "dea marcha atrás" no seu anuncio de que non ía convocar oposicións para repor o profesorado o próximo curso. "Exiximos que para o próximo curso si teñamos oposicións de reposición para acabar con esta política de precariedade e desmantelamento do sistema educativo", sentenciou Lourenzo.

Comentarios