O PSdeG urxe pór fin á "política de recortes" da Xunta após a dimisión conxunta da directiva dun instituto guardés

O recorte de persoal docente no IES A Sangriña, afirman desde o grupo socialista, é "unha mostra máis do "nulo interese do PP" pola educación pública".
Reunión mantida nesta cuarta feira entre a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Leticia Gallego; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o director do IES A Sangriña, Carlos Alonso, e a concelleira de Educación, Fátima Rodríguez. (Foto: PSdeG)
photo_camera Reunión mantida nesta cuarta feira entre a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Leticia Gallego; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o director do IES A Sangriña, Carlos Alonso, e a concelleira de Educación, Fátima Rodríguez. (Foto: PSdeG)

A viceportavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Leticia Gallego, criticou onte a Xunta da Galiza por esta "en contra da educación pública", ao tempo que instou o Executivo de Alfonso Rueda a "reverter a súa política de recortes" entre o persoal docente a fin de "garantir o dereito do alumnado a unha ensinanza de calidade".

A deputada fixo estas declaracións após manter un encontro co alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Educación, Fátima Rodríguez, e o director do IES A Sangriña —nesta mesma localidade—, Carlos Alonso.

Neste centro, precisaron desde o grupo socialista, o Goberno galego recortou seis docentes o pasado curso e, de cara ao vindeiro, que comezará en setembro, serán sete menos. O instituto perderá así até trece profesionais en só dous anos, unha decisión que motivou a dimisión conxunta de toda a directiva en sinal de "protesta e impotencia".

En consecuencia, desde o PSdeG urxiron un xiro radical dado que a "política de recortes" levou este centro público a un "punto límite" que xera un "gran malestar" na comunidade docente, cuxas ratios chegan até 180 estudantes por profesor ou profesora e 30 en cada aula. Nestas condicións, lamentaron, resulta "imposíbel" exercer a docencia con eficacia.

Para Leticia Gallego, esta é unha mostra máis do "nulo interese do PP" pola educación pública, xa que "non lles importa levar a unha situación límite os centros de ensino con tal de cadrar as contas ou beneficiar a privada".

"O sistema de educación pública é o que garante a igualdade e é o motor da mobilidade social, e está a ser desmantelado polo Goberno de Alfonso Rueda, que mantén a herdanza de Alberto Núñez Feixoo", censuraron desde a bancada socialista.

Comentarios