A Xunta deberá compensar un doente de ELA recoñecido como dependente após morrer

Fabiola García, actual conselleira de Política Social. Naquel intre era directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade (Foto: Xunta da Galiza).
Unha sentenza xudicial evidencia catro anos despois as eivas na tramitación e recoñece o dereito da familia a ser compensada.

O 17 de novembro de 2017, catro días despois de falecer Rafael Valle González, afectado pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), a súa familia recibía o recoñecemento da situación de dependencia que lle daría acceso ás prestacións económicas da Xunta da Galiza para intentar paliar algunhas das moitas dificultades provocadas por esta doenza.

En concreto, Valle solicitara, a través da Lei de Dependencia, unha axuda para contratar un asistente persoal profesional que o axudase a acceder ao mercado laboral e a levar unha vida máis autónoma, unha petición que lle fora denegada en vida e que decidiu recorrer ante a Xustiza.

Case catro anos despois, segundo puido saber Nós Diario da man da Asociación Galega de Afectados de ELA (Agaela), unha sentenza do xulgado do contencioso-administrativo vén de obrigar á Consellaría de Política Social a recoñecer os atrasos pola demora na resolución do recoñecemento da dependencia e no dereito que o doente tiña a recibir as prestacións, alén da demora na tramitación da resolución do procedemento.

A Xustiza recoñece, desta forma, o dereito da familia a percibir o importe correspondente ás prestacións desde a estimación por silencio até o pasamento de Rafael Valle.

"Para nós foi un golpe recibir o recoñecemento de dependencia unha semana despois da morte de Rafael, e con este recurso xudicial queremos conseguir que ningunha outra persoa volva pasar por unha situación así", sinala a súa viúva e nai de dous fillos de Rafael, cuxa familia se amosa convencida de que, de ter obtido o recoñecemento naquela altura e poder contratar un asistente, a súa calidade de vida tería mellorado "notabelmente".

"Coa ELA non hai tempo para equivocacións"

Para José Piñeiro, avogado da familia, esta sentenza supón unha "gran noticia", e agarda que sexa tamén de utilidade "para tantas familias de persoas en situación de dependencia que precisan que os seus casos sexan tratados pola Administración con urxencia e responsabilidade", xa que, inciden desde Agaela, nunha patoloxía como a ELA "non hai tempo para equivocacións", porque pode resultar mortal "nun prazo de tres a cinco anos desde a diagnose".

"Queremos que esta sentenza contribúa a que outras persoas non pasen polo mesmo, que o Goberno galego cumpra co recollido na Lei de Dependencia e non deixe no desamparo a quen tanto necesita asistencia", conclúe Piñeiro.