A Xunta da Galiza autorizou só nos dous últimos meses 1.309 MW eólicos

Parque eólico nun espazo da Rede Natura na Serra do Xistral (Foto: Europa Press).
Galiza dispón dunha potencia eólica instalada de máis de 3.900 megawatts. O Goberno galego autorizou só nos últimos dous meses e medio outros 1.309 megawatts, o que significa un incremento da capacidade de xeración de 33,8% en relación a 2021. Máis de 11.700 megawatts atópanse en fase de tramitación.

A Xunta da Galiza autorizou nos dous últimos meses 1.309 megawatts. Segundo recolle a Plataforma Galega de Información Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, o Goberno galego aprobou desde o pasado mes de novembro a declaración de impacto ambiental (DIA) de 36 parques eólicos. 

A axilidade da Xunta da Galiza na tramitación destes proxectos non se pode disociar da presión da patronal eólica e da decisión do Executivo do Estado de anular os dereitos de acceso e conexión eléctrica daquelas instalacións que non teñan superado este trámite antes do próximo 23 de xaneiro.

Segundo a patronal eólica, 2.300 megawatts atópanse nesta situación. A este respecto, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informou a pasada sexta feira que case a metade dos proxectos nesta casuística -64- foron xa resoltos, con máis de 70% de DIA favorábeis. 

Neste sentido, o Goberno galego deulle o visto bo a diversas solicitudes formalizadas nos últimos anos, entre elas algunha instalación procedente do concurso eólico de 2010, non executada en todo este período por decisión empresarial dos propios promotores.

A entrada en funcionamento destes 1.309 megawatts implicaría aumentar a capacidade de xeración do país en 33,8%. Segundo os datos achegados pola Asociación Empresarial Eólica (AEE), a patronal estatal do sector, Galiza contaba en 2021, último ano con datos, cunha potencia eólica instalada de 3.866 megawatts, após incrementala en 68,9 megawatts nese exercicio. 

Neste sentido, produciu 9.560.091 megawatt hora, o que representou 54,4% do total da electricidade consumida no mercado interno galego, superando coas outras enerxías de orixe renovábel, esencialmente a hidráulica, as necesidades de abastecemento do país.

Os beneficios das eólicas

Galiza achegou ás compañías eólicas uns ingresos de perto de 1.075 millóns en 2021. Nesa anualidade, a xeración eólica sumou 9.560.091 megawatt hora e o prezo medio da electricidade marcou 111,4 euros no mercado grosista. Asemade, entre xaneiro e xullo de 2022, último período para o que achegou datos Rede Eléctrica Española (REE), a actividade eólica no país forneceu ás corporacións enerxéticas 988 millóns, tras chegar a produción eléctrica procedente do vento a 4.919.560 megawatts hora.

Os principais operadores eólicos da Galiza teñen sede fiscal en Madrid, onde pagan os seus impostos, destacando entre eles Iberdrola, Acciona, Naturgy e Enel. Así, Iberdrola conta con 599,5 megawatts e 18 parques no país; Acciona Enerxía písalle os talóns a Iberdrola, con 562,3 megawatts e 26 parques eólicos; Naturgy con 93,2 megawatts e 16 complexos de xeración ocupa o terceiro lugar, situándose a continuación a italiana Enel, propietaria da antiga Endesa, con 262 megawatts e 13 parques operativos.

As compañías enerxéticas tramitan na actualidade a instalación na Galiza de 300 novos parques eólicos cunha potencia total superior a 11.700 megawatts. Unha parte dos mesmos foron solicitados diante da administración galega e os de máis de 50 megawatts de potencia diante das autoridades estatais.  

Hidróxeno verde

Os proxectos de hidróxeno verde en marcha obrigarían a incrementar, aínda máis, a potencia eólica instalada. Así, o promovido por Reganosa e Enerxías de Portugal (EDP) nas Pontes precisaría de arredor de 780 megawatts para xerar 100 megawatts de hidróxeno. A situación repítese noutras instalacións desta natureza impulsadas por diversos promotores e que suman en todo o país máis de 70 plantas. 

A factoría de biometanol que a multinacional danesa Maersk pretende erguer na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, require para operar 4.000 megawatts de electricidade de orixe renovábel.

A empresa anunciou a súa intención de adquirir determinados parques de renovábeis activos e erguer outros até satisfacer as súas necesidades enerxéticas. A execución deste proxecto, apoiado polo presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, significaría duplicar a potencia eólica actual do país. 

Os eólicos, factor de empobrecemento

O profesor da Universitat Rovira i Virgili, Sergi Saladié i Gil, é un dos autores de referencia para o estudo da enerxía eólica no Estado. Unha das principais conclusións do seu traballo é a influencia dos eólicos no despoboamento rural e na caída da renda dos residentes das poboacións de acollida.