A Xunta culpa os concellos do atraso na vacinación do persoal de Axuda no Fogar por un “erro informático”

Os presidentes da Xunta e da Fegamp nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ana Varela / Xunta)

A Federación Galega de Municipios (Fegamp) xa amosou o seu malestar por esta “confusión” do Executivo do país. As acusacións a algúns concellos que xa mandaran as súas listaxes tamén provocou certo desconcerto pois a equipa de Alberto Núñez Feixoo sinalou a 43 localidades cando realmente só faltaban 19.

A Xunta vén de provocar unha reacción de malestar e rexeitamento entre un bo número de concellos ao acusalos de non fornecer en tempo as listaxes das súas traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para incluír dentro da campaña de vacinación nas primeiras quendas. No entanto, hoxe as 43 localidades sinaladas pasaron a 19, que son dalgunha forma aquelas ás que o Executivo galego culpa dos atrasos na aplicación das doses.

Na cuarta feira a Xunta apuntaba a 43 municipios que non enviaran as listaxes dos servizos municipais SAF e que, por tanto, non se podía proceder á vacinación contra a Covid-19 dos cadros de persoal. No entanto, a primeira hora de hoxe corrixía o aviso e reducíao a 19 concellos.

Ante esta situación anómala, que a equipa de Alberto Núñez Feixoo vinculou a un “erro informático”, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) fixo público o seu “malestar” e criticou a “confusión” provocada en distintos puntos da Galiza.

No seu comunicado da cuarta feira, a Consellaría de Sanidade pedía a colaboración de 43 municipios, deixando entrever unha suposta tardanza que dificultaba empezar coa vacinación das e dos empresados de axuda no fogar. Mais a “relación” de localidades era “errónea” e, segundo a Fegamp, isto prexudicou tanto aos consistorios como ás e aos traballadores do departamento.

O organismo mesmo chegou a reclamar á Xunta, a través dun comunicado, que efectúe "melloras na súa xestión dos rexistros do persoal" para a vacinación, co fin de "evitar as confusións e tensións que están a producir nos concellos".

Estratexia a través da Fegamp

Fontes do organismo público comentaron que o pasado 27 de xaneiro, Sanidade pediulle "que canalizase a recollida dos datos para elaborar un rexistro de persoal SAF susceptible de recibir a vacina”.

"Sen máis indicación que o tipo de datos a solicitar, a Fegamp articulou o mecanismo e a cobertura legal, incluíndo no procedemento a supervisión do alcalde ou alcaldesa, como filtro para evitar que se vacinen persoas ás que non lle corresponde nesta fase", engadiron. Así, en dez días, mandaron o primeiro rexistro con preto de 3.000 operarias e se foi actualizando a medida que foi posíbel.

A Federación trasladou en 10 días desde a solicitude unha primeira listaxe con preto de 3.000 traballadores e foi actualizando datos en envíos posteriores "na medida na que se dispuxo" deles. Por iso, descoñece por que se contactou con algunhas corporacións locais para demandar información que xa estaba en poder do departamento que dirixe Julio García Comesaña.

Aínda que a consellería "non puxo data límite para reportar as listaxes" e "a maioría do persoal referido aínda non está vacinado", a Fegamp e os concellos reafirmaron que "teñen o máximo interese na inmediata inmunización do persoal dun servizo municipal tan importante" como este, polo que "atenderán calquera indicación ou requirimento".

Atendendo ao último parte fornecido pola Xunta, faltarían por enviar datos Allariz, Amoeiro, Cabanas, O Carballiño, Castro Caldelas, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Meira, Moaña, Monfero, Negueira de Muñiz, Negreira, O Porriño, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, O Rosal, Vila de Cruces e Xunqueira de Espadanedo. Porén, tamén nesta quinta feira a Fegamp trasladaba a información do Rosal.