A Xunta responsabiliza "unhas poucas voces pero ruidosas" de "mediatizar decisións" tras outra suspensión pola xustiza dun parque eólico

María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

Non é a primeira vez que desde o Goberno galego se mostra a súa incomidade para con decisións xudiciais que custionan a súa política eólica. 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, opinou que, en materia enerxética, o desenvolvemento de proxectos enfróntase a "moitas dificultades" por "unhas voces" que ela "diría que son poucas, pero fan moitísimo ruído e están a chegar a mediatizar certas decisións".

Así se pronunciou un día despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) suspendese preventivamente a execución do acordo da Xunta que outorgou á promotora do parque eólico Campo das Rosas, Naturgy Renovables, as autorizacións administrativas previa e de construción, á vez que declarou a utilidade pública das instalacións, situadas entre os municipios da Estrada, Campo Lameiro e Cercedo-Cotobade (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra).

Nun foro sobre industria organizado en Compostela polo diario El Economista, a conselleira referiuse aos riscos de deslocalización de empresas polo prezo da enerxía.

Respecto diso, asegurou que "sofre" cada semana "pensando en empresas como Alcoa" e na posibilidade de que cesen a súa actividade na Galiza polo custo enerxético.

Foi neste punto no que, sen mencionar a nova suspensión dun parque eólico, falou de "voces" que "están a chegar a mediatizar certas decisións". Non é a primeira vez que desde o Goberno galego se mostra a súa incomidade para con decisións xudiciais que custionan a súa política eólica. 

Nos últimos meses, desde a Xunta da Galiza até a patronal, desde empresas enerxéticas a sindicatos como CCOO e UXT, están a encadearse pronunciamentos que cuestionan sentenzas xudiciais que paralizan ou anulan parques eólicos e poñen o foco no modelo eólico que impulsa o Goberno galego.

Durante estes últimos anos por volta dunha vintena de sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e do Tribunal Supremo (TS) tombaron parques eólicos no territorio galego e puxeron o foco na política impulsada pola Xunta da Galiza neste sector.

A propia María Jesús Lourenzá, o pasado 25 de xuño, non dubidou en asegurar que as medidas cautelares determinadas pola Xustiza sobre os parques eólicos "crean inseguridade xurídica". Así, mesmo aludiu á súa experiencia "como xurista" para advertir de que estas medidas cautelares que supoñen a suspensión temporal das autorizacións dalgúns parques "deben estar baseadas na presunción dun bo dereito ou un perigo de mora procesual".