A Xunta defende os contidos da Historia de España no Bacharelato e non os da Historia da Galiza

Comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
Durante a súa comparecencia, Román Rodríguez fixo referencia a varios fitos históricos como a conquista de América, a creación do Estado liberal, as monarquías dos Austrias e dos Reis Católicos, entre outros, mais obviou a realidade da Galiza.

A Xunta anunciou nesta sexta feira que reforzará os contidos humanísticos nos currículos educativos coa incorporación da Historia de España anterior a 1812 no Bacharelato, mais non fai ningunha referencia a contidos da Historia da Galiza.

Na súa intervención no Parlamento galego, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, defendeu a importancia da formación humanística, que é fundamental na responsabilidade de "formar cidadáns libres, críticos e con capacidade analítica".

Durante a súa comparecencia, Rodríguez fixo referencia a varios fitos históricos como a conquista de América, a creación do Estado liberal ou as monarquías dos Austrias e dos Reis Católicos, entre outros.

Porén, decidiu obviar fitos relacionados coa historia galega e renunciou a remediar a falta de coñecemento que impera en relación ao Reino da Galiza e ao seu esplendor na Idade Media.

Reparto de contidos nos currículos

O reparto de contidos nos currículos educativos está dividido da seguinte maneira: unha primeira parte de contidos mínimos está rexida por Real Decreto, polo que é a Administración estatal quen se encarga de decidir cales son eses contidos mínimos.

No caso dos contidos de Historia de España, o Goberno do Estado, a través do Ministerio de Educación, optou por complementar as competencias STEM (ciencias, tecnoloxías e matemáticas).

A segunda parte dos contidos que integran os curriculos é competencia dos Gobernos de cada autonomía. No caso da Galiza, da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade que encabeza Román Rodríguez. 

A Xunta non fará emprego desas competencias para impulsar o estudo da Historia da Galiza, xa que o conselleiro de Educación avanzou que o Goberno galego xa traballa para ter listos os contidos que recollan a Historia de España anterior a 1812.