Milleiros saen ás rúas de Barcelona en defensa do modelo de escola catalá

A manifestación da plataforma Somescola xuntou milleiros de persoas este sábado en Barcelona para defender o modelo de escola catalá e protestar ante as resolucións do Tribunal Supremo español contra a inmersión lingüística no ensino.
Manifestación en defensa da escola catalá (Foto: Vilaweb)
photo_camera Manifestación en defensa da escola catalá (Foto: Vilaweb)

Baixo o lema Ara i sempre, l'escola en català (Agora e sempre, a escola en catalán), a plataforma Somescola xuntou este, sábado 18 de decembro, 35.000 manifestantes -segundo cifras da Garda Urbana- nas rúas barcelonesas en defensa do modelo de escola catalá e da inmersión lingüística no ensino, diante da resolución do Tribunal Supremo español que avala a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) que obriga a fixar un mínimo de 25% de ensino en castelán no sistema educativo de Catalunya.

A plataforma, impulsada por Òmnium Cultural, convocou a manifestación para exixir unha resposta unitaria e consensuada ao Govern de Catalunya e mais para defender a lingua e frear o que entenden como unha inxerencia dos tribunais nun dos principais consensos históricos, que é o do catalán como lingua vehicular na escola.

A manifestación estivo encabezada por representantes do sector educativo, sociedade civil e sindicatos, entre eles as centrais estatais CCOO e UXT. A nivel de formacións políticas, participaron representantes de ERC, Junts, CUP, Comuns e Demòcrates.

Aragonès denuncia a “ofensiva” españolista

O president da Generalitat, Pere Aragonès, denunciou na mobilización a ofensiva doespañolismo contra o modelo de escola catalá para "rabuñar catro votos fóra de Catalunya" e pediu responder a ofensiva xudicial "desde o máximo consenso".

Chamou a actuar desde "o máximo consenso", incidiu, a favor do modelo lingüístico que conta co apoio do mundo educativo, social e político. "Necesitamos o traballo das institucións. O Govern está comprometido", afirmou Aragonès, que agradeceu a todas as entidades que participaron no cume extraordinario da lingua desta semana para fixar medidas a curto, medio e longo prazo para avanzar no uso social do catalán.

Tamén agradeceu que a sociedade catalá se mobilízase este sábado na manifestación e que "as e os docentes sigan facendo o seu traballo e que as familias aposten máis que nunca pola cohesión social". "A escola non se toca", concluíu o president catalán, que criticou quen quere utilizar politicamente a escola catalá, e subliñou que seguirán defendendo o catalán como lingua vehicular.

A excepción na manifestación: o PSC

O único partido de “tradición catalanista” que non estivo na mobilización deste sábado foi o Partido Socialista, ao considerar que a manifestación se decanta demasiado cara ao independentismo.

O ministro de Cultura e Deporte e até o de agora primeiro secretario do PSC,  Miquel  Iceta, avisou este sábado de que os socialistas non permitirán que "uns ou outros, para tentar rabuñar uns votos" danen a convivencia e dividan a sociedade polo debate sobre a escola catalá e a presenza do castelán.

"Demasiadas cousas rompéronse. Non nos podemos permitir outro rachamento que neste caso podería ser definitivo e irreversíbel", advertiu  Iceta no Congreso Extraordinario do PSC que ratificará o líder dos socialistas no Parlament, Salvador Illa, como novo primeiro secretario en substitución do ministro.

Iceta reclamou que se escoite ao PSC neste ámbito: "Se non saben, se non queren, que nolo deixen facer a nós", e defendeu unha soa escola que non separe o alumnado por razón de lingua e garanta que se dominen as dúas, ademais de aprender inglés, co catalán como centro de gravidade e eixo da escola catalá.

Os tribunais dan dous meses á Generalitat

A Generalitat ten dous meses para executar a resolución xudicial e se non o fai, poderase pedir a execución forzosa. Isto pódeo facer o Goberno español, cuestión que non se prevé dada as vías de diálogo abertas entre o Executivo español e o catalán, mais tamén o pode exixir algún particular que se considere afectado pola resolución, por exemplo unha familia ou unha asociación.

Comentarios