A Xunta contempla ampliar o horario dos restaurantes até as 22.30 e atrasar o toque de recoller

Unha terraza da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O Goberno galego trasladou na quinta feira ao sector da hostalaría que o Comité Clínico que asesora a Xunta en materia de sanidade analizará na terza feira ampliar o horario dos restaurantes até as 22.30 e, en consecuencia, atrasar o toque de recoller ás 23 horas.

O Comité Clínico que estuda a evolución do novo coronavirus na Galiza reúnese a próxima terza feira coa ampliación do horario da hostalaría sobre a mesa. Segundo trasladou a Xunta da Galiza ao sector hostaleiro na xuntanza mantida na quinta feira, 8 de abril, analizarase ampliar o horario dos restaurantes até as 22.30 horas e atrasar o toque de recoller ás 23 horas.

Na reunión, na que participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e Emprego, Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana, respectivamente, destacouse que a ampliación do horario de apertura dos estabelecementos hostaleiros estará condicionada á modificación do toque de recoller que, á súa vez, depende da evolución da pandemia.

Na quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, expuxo que avaliará o atraso do toque de recoller que restrinxe a mobilidade nocturna e que na actualidade está fixado entre as 22 e as 6 horas. Na terza feira, e xa cos datos sobre os efectos da Semana Santa, o comité decidirá se procede ou non aliviar as citadas medidas.

Unha medida con condicións: só para reservas en restaurantes

Só poderían abrir até as 22.30 horas os estabelecementos de restauración e a ampliación de horario estaría condicionada a que a clientela dispuxese dunha reserva previa. Ademais, a Xunta baralla que os restaurantes realicen un rexistro de clientes.

Tamén se estudará se ampliar o fechamento do resto de locais de hostalaría até as 21.30 horas.

A última modificación das restricións para os estabelecementos hostaleiros entrou en vigor o pasado 19 de marzo, cando se ampliou até as 21 horas o período de apertura. Posteriormente, a Xunta trasladou ao sector que non se adoptaría unha nova flexibilización das medidas, polo menos, até despois de Semana Santa.