A Xunta comeza a suavizar as restricións no Carballiño e elévaas na Laracha e Vilalba

O Carballiño mantivo fechada a actividade non esencial pola Covid-19. (Foto: Europa Press)
O Carballiño será, desde a medianoite, o primeiro dos concellos galegos afectados polas restricións reforzadas pola alta incidencia do coronavirus que comeza a ver flexibilizadas as súas medidas, despois dun mes de confinamento perimetral, suspensión da actividade hostaleira e reunións acoutadas ás persoas conviventes. 

Decidiuno esta quinta feira a Consellaría de Sanidade, tras a reunión co subcomité clínico que, á vista da mellora da situación epidemiolóxica, recorta as limitacións ao nivel 2, o que supón a posibilidade de entrada e saída, as xuntanzas de até seis persoas, con independencia da relación entre elas, e a recuperación do funcionamento de bares, restaurantes e cafetarías, que poderán servir agás na barra, cunha capacidade máxima de 50% no interior e de 75% na terraza.

O Caballiño foi, a mediados de outubro, a primeira localidade na que a Xunta adoptou as restricións máis duras, que serviron de guía para as que hoxe están vixentes en 69 municipios.

Entre eles cóntanse, desde esta medianoite, A Laracha e Vilalba, onde comezan a aplicarse as prohibicións de mobilidade, reunión sociais con non conviventes e da hostalaría pola evolución da última semana. 

No primeiro caso, o municipio incorpórase ao fechamento perimetral que rexe na comarca de Bergantiños desde a pasada fin de semana e que afecta os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. En canto a Vilalba, o confinamento limítase ao municipio.

Ademais, o subcomité clínico recomendou onte reforzar o seguimento nas localidades de Ribeira e A Rúa, que, polo momento, continúan co nivel 2, malia ao aumento de contaxios dos últimos días. Na súa comunicación, a Xunta chama a cumprir coas medidas para frear o avance da pandemia e sinala que desta maneira, "os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións".

As últimas decisións sanitarias da Xunta chegan nunha xornada na que Galiza sumaba, segundo os datos do Sergas, 700 novos casos activos, que se manteñen por enriba dos 9.000.

Hoxe comunicábanse 9.086, cun pequeno descenso de 12 respecto á xornada previa, vinculada ás 700 altas médicas tramitadas nunha xornada na que se suman 12 falecementos, até os 1.119.

Destaca o aumento de positivos na área sanitaria de Lugo, que suma 168, parte deles vinculados ao foco da residencia Asilo de Vilalba, e a de Vigo, con 171.

Mentres, a presión asistencial mantense sen cambios notábeis na última semana. Onte, os centros hospitalarios mantiñan 569 persoas ingresadas, 97 delas en UCI, o que supón unha rebaixa de catro desde a xornada previa pero unha cifra case idéntica á de hai unha semana, con 100 doentes en UCI e outras 468 persoas en planta. Nos últimos sete días, a cifra de críticos chegou a estar en 110 persoas e o pico de hospitalizacións totais, en 610, cun leve descenso sostido nas últimas catro xornadas.

Ademais, o mapa no que a Xunta marca os niveis de alerta incorporou onte Ordes, Vilanova e Salceda ao grao máximo, o vermello, do que saen Pontedeume, Porto do Son e Poio.