Sanidade suaviza as restricións no Carballiño e enduréceas na Laracha e Vilalba

Control de mobilidade (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Sergas acorda o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño.

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 na Galiza vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu  suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño.

Tras a xuntanza desta sexta feira, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais.

O concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.

Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galiza (DOG) e  entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán "aliviar paseniñamente as súas restricións”.