Galiza detectou 685 novos casos de Covid-19 por PCR en 24 horas, o que implica unha suba de 18 con respecto aos notificados un día atrás. Aínda que a área sanitaria máis afectada continúa sendo Vigo, con 168 positivos diarios, a de Lugo-Monforte-A Mariña aumentou até os 167 debido ao foco da residencia Asilo de Vilalba, que ascende xa a 132 positivos.
Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira na web da Consellería de Sanidade, con cifras ata as 18:00 horas de onte, a área lucense subiu en 116 os contaxios de coronavirus detectados nunha soa xornada.
Tamén subiron os positivos, aínda que en menor medida, nas áreas de Santiago-Barbanza, con 79 positivos -12 máis que os notificados 24 horas atrás-; en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 45 -un máis-; e en Ferrol, cun total de 40 -seis máis-.
A Organización Mundial da Saúde sitúa en 5% de PCR positivas o límite a non pasar para ter controlada a pandemia
Pola contra, Vigo anotou un importante descenso de 114, até os 168 novos positivos, mentres que na área da Coruña-Cee baixou en 20, até os 102; e os de Pontevedra-O Salnés caeron en 17, ata os 87.
Todos estes casos confirmados parten de 6.852 PCR realizados en 24 horas - total de 833.778 desde o inicio da pandemia-, o que implica que se realizaron unhas 4.000 probas menos que o día anterior. Ademais, a positividade case duplicou: 12,2%.
Isto significa superar amplamente o limiar do 5% marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.
De feito, todas as áreas sanitarias superan esta porcentaxe, con Lugo liderando co 26,1% de positividade, seguida de Ferrol (11,4%), Vigo (11,5%), Santiago (10,5%), Ourense (10,4%), Pontevedra (8,3%) e A Coruña (7,1%).
En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, baixaron nunha ducia en toda Galiza, ata situarse en 9.086.
As vítimas mortais con coronavirus ascenderon a 1.119 despois de que na xornada da quinta feira fosen comunicados 12 novos falecementos, dous deles ocorridos en residencias de anciáns.