O debate do ensino a distancia: familias piden escoller e docentes defenden a presencialidade

Concentración de familias e alumnado en Cangas no mes de xullo contra o protocolo da Xunta (Imaxe: Nós Diario).
A plataforma galega Ensino sen Riscos reclama á Xunta que o alumnado das familias que así o decidan manteñan o ensino en liña. Desde Confapa, que comprende esta demanda no caso de familias con persoas de risco, e Profesorado en pé lembran que os centros contribúen a diminuír as desigualdades sociais.

A volta ás aulas no mes de setembro ten en vilo á comunicade educativa galega. Docentes por unha banda e familias pola outra agrupáronse este verán nos colectivos Profesorado en pé e Plataforma Galega Ensino sen Risco. Con algunhas diferenzas, ambas agrupacións comparten moitas das súas reivindicacións. As principais pasan pola modificación do protocolo elaborado pola Consellaría de Educación cara a outro modelo que implique unha redución do alumnado das aulas e a contratación de máis profesionais nos centros.

Un protocolo que podería ser modificado nas vindeiras xornadas, xa que non inclúe o uso obrigatorio da máscara nas aulas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, si proporá na reunión dos Gobernos territoriais co Estado. Unha folla de ruta redactada "tarde, mal e a rastro", segundo familias e docentes, e "incoherente" coas medidas aprobadas a nivel social. 

As familias piden decidir

As 600 familias galegas agrupadas en Ensino sen risco piden á Xunta a posibilidade de decidir se as súas crianzas se educan nos centros escolares ou nos seus fogares. "Queremos que o alumnado das familias que o decidan sigan co ensino a distancia. Hai medo ao virus e familias que contan con membros de risco nas súas casas", explica a este medio dese Vigo Paula Rúas, unha das integrantes da plataforma.

Hai medo ao virus e familias que contan con membros de risco nas súas casas, argumenta Paula Rúas

"Estamos a recoller sinaturas, remitimos unha petición á Valedoría do Pobo para que interveña e se pronuncie neste sentido e tamén imos tentar presentar mocións nos nosos respectivos Concellos", agrega Rosa María Souto, quen se declara partidaria de que o seu fillo manteña o ensino en liña porque ten "moito medo" á enfermidade. 

As persoas da plataforma consultadas por Nós Diario fan fincapé en que as familias que escollan non enviar as súas crianzas ao centro deben ter acceso a material que lles permita atender as aulas a distancia. "Non queremos que as familias con menos recursos e que escollen esa opción queden descolgadas, como aconteceu durante o confinamento", apunta unha integrante, que incide en que o ensino en liña debe organizarse para non repetir o "caos" dos meses de marzo, abril ou maio. 

Presencialidade

En tanto, ANPAS Galegas* , publicou onte un manifesto de mínimos dirixido á Xunta no que defende unha volta presencial ás aulas, polos beneficios que supón para o alumnado, se ben defenden que as familias nunha situación de risco deben ter garantido un ensino a distancia de calidade. 

Ás vantaxes da educación presencial tamén se remiten integrantes do colectivo Profesorado en pé. "Parécenos primordial porque non todo o alumnado ten as condicións materiais nin a estabilidade emocional necesaria nos seus fogares para seguir un ensino a distancia. Entendemos que haxa familias que pidan isto, pero non compartimos esta idea", expón a docente Alexandra Cabana a este medio.

O desenvolvemento social, afectivo, emocional e intelectual do alumnado só é posíbel na interrelación directa e presencial, di Confapa

Cabana especifica que o ensino na aula permite o contacto co alumnado e axuda a rapazada "a nivel emocional". A maiores, os centros tamén achegan á rapazada con necesidades especiais a axuda especializada que requiren. Desde ANPAS Galegas, engaden que "o desenvolvemento social, afectivo, emocional e intelectual do alumnado só é posíbel na interrelación directa e presencial entre iguais, co profesorado e a súa contorna".

Para que ese regreso ás clases se desenvolva con seguridade, familias e persoal volven repetir a necesidade de contratar máis profesionais. "Non só docentes, senón tamén persoal de limpeza, por exemplo", puntualiza unha das compoñentes da plataforma Ensino sen riscos. DesdeAnpas Galegas, agregan a necesidade de contar con especialistas do eido da enfermaría ou da educación social. Unha reivindicación, esta última, apoiada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza.

Responsabilidade

A maiores, familias e docentes reclaman á Xunta da Galiza que asuma a responsabilidade do protocolo e dos plans que elaboren os centros educativos e do que aconteza nos centros. "Os profesores non son especialistas en sanidade nin tampouco en riscos laborais", sinala Paula Rúa.

Non existen esas aulas burbulla, argumenta Rúas

Desde Ensino sen risco tamén reclaman á Administración galega que descarte os chamados grupos de convivencia. "Non existen esas aulas burbulla, eu teño unha filla e un fillo que estudan en centros distintos e logo están xuntos na casa, onde está a burbulla?", agrega Rúa. 

*Fé de erros: O artigo atribuíu inicialmente o manifesto a Confapa, a Confederación Galega de ANPAS da Galiza e non a ANPAS Galegas.