Feixoo avoga por recuperar a máscara en exteriores

A Galiza comeza a semana de Nadal con 15.856 persoas contaxiadas da Covid-19, medio milleiro máis que no domingo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Ante a alza de contaxios do coronavirus, a Xunta da Galiza e catro Gobernos máis (Andalucía, Euskadi, Castela-A Mancha e País Valencià) pedirán na Conferencia de Presidentes volver ao uso obrigatorio da máscara ao ar libre. A máscara deixou de ser obrigatoria en xuño en exteriores, sempre que se manteña a distancia física.

Cinco Gobernos (A Galiza, Andalucía, Castela-A Mancha, País Valencià e Euskadi) adiantaron que trasladarán ao xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, na Conferencia de Presidentes desta cuarta feira, 23 de decembro, a necesidade de retomar a obrigatoriedade do uso da máscara en exteriores como unha das medidas de prevención ante o aumento explosivo de casos de coronavirus nos últimos días.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, apostou por que, entre as novas medidas que se determinen para o Estado, figure a obriga xeral de usar máscara ao ar libre, fronte á normativa actual que permite quitala en caso de que haxa distancia de seguridade entre viandantes e non haxa aglomeracións.

A Xunta é partidaria desta medida "dada a actual evolución da pandemia e especialmente ante as aglomeracións que se producen nesta época do Nadal". Aliás, o mandatario galego pedirá acelerar o ritmo de vacinación, sen necesidade agardar aos seis meses para inxectar a dose de reforzo ou terceira dose.

A Galiza, perto xa dos 16.000 casos activos

Mentres, os casos activos seguen á alza. A Galiza comezou esta a semana de Nadal con 15.856 persoas contaxiadas da Covid-19, que supoñen medio milleiro máis que no día anterior, tras rexistrárense 1.331 novos contaxios. As e os pacientes ingresados polo coronavirus aumentan a 292 -10 máis que o día antes- e a taxa de positividade dispárase a 18,74%.

Segundo os datos publicados este 20 de decmebro por Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, mantéñense en 51 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 e aumentan a 241 as hospitalizadas noutras unidades -1o máis que o día antes-. As persoas falecidas na Galiza con Covid-19 desde o inicio da pandemia aumentan a 2.722, ao notificárense no domingo dúas novas mortes: un home de 78 anos no Complexo Hospitalario de Vigo e outro, de 77 anos, no hospital de Ourense. 

En canto aos datos de vacinación, segundo o reconto de Sanidade, administráronse na última xornada 25.477 vacinas. Delas, 1.107 foron para completar pautas, polo que ascenden a 2.336.134 as persoas con pauta completa, que supoñen 86,52% da poboación total da Galiza.

En canto á poboación infantil, 121.030 menores de 15 anos recibiron polo menos unha dose, 160 no último día.

Farmacias galegas esgotan os tests gratis para crianzas

As farmacias galegas adheridas a unha iniciativa da Consellaría de Sanidade comezaron a dispensar tests gratuítos de antíxenos de fluído oral para nenas e nenos de 5 a 11 anos.

Varias farmacias esgotaron os tests onte, 19 de decembro. O subministro está limitado a tan só 20 tests ao día por estabelecemento farmacéutico.