A Xunta declara ambientalmente viábel o terceiro dos cinco parques eólicos dos socios da familia Nadal

Xeada situaríase nos termos municipais da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Medio Ambiente resolve de forma favorábel os expedientes dos proxectos Xeada —parte do 'macroeólico' do que participa a familia do tenista Rafael Nadal—, Campo das Rosas e Alto de Montouto.

Luz verde ambiental a un novo parque eólico entre a Terra de Trives, Quiroga e Valdeorras. A Consellaría de Medio Ambiente emitiu o pasado 23 de decembro —nunha resolución publicada esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG)— a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel para o proxecto denominado Xeada, promovido por Neiva Directorship S.L. nos termos municipais da Rúa, Quiroga e Vilamartín.

Segundo a documentación sometida inicialmente a información pública no DOG, o 4 de abril de 2022, o parque eólico Xeada constaría de cinco aeroxeradores e unha potencia instalada total de 33 megawatts (MW). Porén, finalmente, tal e como figura na DIA, estará formado por tres turbinas que sumarán 19,8 MW, cunha altura de buxa de 135 metros e un diámetro de rotor de 170 metros. Para esta infraestrutura prevese un investimento de 27,5 millóns de euros.

O Instituto de Estudos do Territorio, sempre con base no mesmo documento de avaliación ambiental, apunta que o parque eólico ocasionará unha "incidencia visual" no territorio que, con todo, "non supón un impacto crítico" e só se proporán medidas para mitigalo "no caso de que exista unha manifesta preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores". As instalacións situaríanse perto do Camiño de Inverno a Santiago e de diferentes áreas de especial interese paisaxístico, miradoiros e núcleos rurais. Pola súa parte, os departamentos de Patrimonio Natural e Patrimonio Cultural emitiron tamén senllos informes positivos.

Na mesma contorna de Xeada, nun radio de afección de 10 quilómetros, ficarían os parques eólicos Cernego —sete aeroxeradores, xa operativo—, Neboada —oito, en tramitación— e Orballeira —cinco, ídem—, así como unha "extensa rede de liñas eléctricas de media e alta tensión, especialmente ao sur e oeste da poligonal do proxecto". En consecuencia, o efecto acumulativo de todos estes muíños provocará un impacto "moderado" sobre a avifauna e "leve-compatíbel" no que atinxe á afección visual, a deterioración de hábitats, as molestias por ruídos e a emisión de luz.

Contra este proxecto recibíronse alegacións de carácter ambiental presentadas por 35 particulares, nove asociacións ecoloxistas e tres comunidades de montes veciñais en man común. Delas, a Consellaría apunta que parte delas "non revisten carácter ambiental", referidas, entre outros aspectos, á presunta 'fragmentación artificial' dun único 'macroparque' eólico en cinco, engadindo ao devandito Xeada as propostas denominadas Neboada, Orballeira, Treboada e Ventumelo, estas dúas últimas tamén con DIA favorábel.

Así, tal e como xa informara Nós Diario, detrás destes cinco proxectos, tramitados perante cinco sociedades diferentes —Neiva Directorship S.L., Maia Directorship S.L., Sinagra Investments S.L., Wind Grower S.L. e Wind Hero S.L.— está a familia balear Mascaró. As sociedades Maia, Sinagra e Neiva están radicadas no mesmo enderezo, no municipio madrileño de Pozuelo de Alarcón, e teñen as tres como administrador único, Directorship Cibeles S.L. —encabezada á súa vez por Francisco Gómez Fructuoso—; como representante, Bruno Mascaró Rubert, e como administrador mancomunado, Vega 2002 S.L., propiedade dos Mascaró. Pola súa parte, á fronte de Wind Grower e Wind Hero —cuxos enderezos sociais estiveron en Mallorca até o pasado ano, cando pasaron a Ourense— aparecen como administradores solidarios o propio Bruno Mascaró e mais Antonio Mascaró Gomila.

A sociedade Aspemir S.L., administrada pola nai do tenista Rafael Nadal, Ana María Parera, segundo revelou recentemente o Observatorio Eólico da Galiza (OEGA), participa en 35% do capital de Wind Hero S.L. e Wind Grower S.L., as dúas sociedades administradas directamente polos Mascaró que están detrás de Treboada e Ventumelo. Aliás, o pai do deportista, Sebastián Nadal —vinculado a empresas promotoras de diferentes instalacións de enerxías renovábeis—, é conselleiro de Naiad 2012 S.L. e Starwing S.L., sociedades presididas por Mascaró Gomila.

"[Os cinco parques eólicos] non se poden entender de forma individual pois comparten infraestruturas básicas. Por exemplo, ningún dos outros catro parques podería existir sen a subestación de Treboada. E sen a de Neboada, nin Xeada nin Orballeira existirían", sostén o OEGA.

Alto de Montouto e Campo das Rosas

Por outra parte, o DOG recolle tamén esta segunda feira as DIA resoltas favorabelmente para os parques eólicos Alto de Montouto e Campo das Rosas. O primeiro, promovido por Alto de Montouto S.L. (Adelanta Corporación S.A.) consta de cinco turbinas cunha potencia de 21 MW, a instalar entre A Cañiza e Covelo. Adelanta recibira a finais do pasado ano dous informes negativos de Medio Ambiente relacionados con dous proxectos na serra do Suído, Mancelo e Puza.

No que atinxe a Campo das Rosas, é unha iniciativa de Naturgy nos termos municipais da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. O proxecto confórmano oito aeroxeradores cunha potencia total de 27,6 MW.