A Xunta autoriza a construción dos polígonos eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas, en Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada

Parque eólico operado por Naturgy en Estremadura. (Foto: Nós Diario)

O DOG declara Campo das Rosas como proxecto de “utilidade pública”.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle esta cuarta feira as autorizacións para os parques eólicos de Porto Vidros e Campos das Rosas, que afectarán os concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes) .

En concreto, publica a resolución de abril deste ano da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para o proxecto do parque eólico Porto Vidros, situado nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, promovido por Naturgy.

O mesmo fai coa resolución do mesmo mes polo que se fai público o acordo do Consello da Xunta polo que se outorga a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, do parque eólico de Campo das Rosas.

Trátase neste caso dun proxecto promovido por Naturgy Renovables, que inclúe a “compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais”, e que se atopa nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

O DOG desta terza feira recolleu tamén a autorización relativa a outros dous proxectos de Greenalia, o parque eólico denominado As Penizas, que se situaría nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, e o Xesteirón, nos termos municipais de Chandrexa de Queixa e Montederramo. Tamén se concederon as licenzas para a construción dun parque impulsado pola compañía Naturgy, As Encrobas, entre Cerceda, Carral e Ordes. Dous polígonos que se sumarían ao tamén autorizado no monte do Gato, dentro da reserva das Mariñas-Mandeo.

Así, nos últimos días obtiveron os permisos os proxectos Felga, Penas Boas e Gato, impulsados por Greenalia nun espazo amparado pola reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo. Suman 11 aeroxeradores, aos que poderían sumarse os 14 dos parques Feás e Seselle, que Galenergy pretende situar no mesmo emprazamento. Porén, o terceiro tramitado por esta compañía, Fontella, foi rexeitado en decembro.