Comezan a organizar accións de recollida dos pellets nas praias afectadas: así podes axudar

Pellets de plástico esparexidos por unha praia da Illa de Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Os colectivos ecoloxistas e do mar denuncian o "escurantismo" da Xunta, que non alertou cando tivo aviso da perda de contedores "nin activou medidas de actuación nos 18 días previos á chegada dos plásticos ás praias, tempo no que se podería evitar gran parte da contaminación".

Ecoloxistas en Acción Plademar Muros-Noia anuncian que comezan a preparar accións de voluntariado para a recollida de millóns de 'pellets' de plástico chegados ás costas galegas ante a "inacción" e "ausencia absoluta" da Xunta da Galiza. Estes colectivos ecoloxistas e do mar informan tamén de que preparan unha querela contra a navieira responsábel do barco da vertedura destes microplásticos.

Tras agradecer o traballo de persoas que se achegaron espontaneamente ás praias, indican que convocarán accións coordinadas de recollidas con voluntarios polo que, quen quixer axudar, pode pórse en contacto con estas plataformas.

Esixen, aliás, que o Goberno galego poña os medios económicos, materiais e humanos para combater esta contaminación. Igualmente, piden un estudo sobre os danos causados á fauna e ecosistemas mariños, ademais de posíbeis impactos económicos para realizar reclamacións ante a navieira e a aseguradora.

En concreto, Ecoloxistas en Acción interporá unha querela ante os xulgados de Noia contra "a empresa neerlandesa propietaria do navío, Toucan Maritime, por un delito contra o medio ambiente e os recursos naturais". Lembra que as verteduras se producen nunha zona na cal vén de ampliarse a Rede Natura 2000 pola súa importancia como corredor ecolóxico de aves.

"O pasado 8 de decembro o buque Tucana, de bandeira dos Países Baixos, perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo, perto xa de augas galegas. Un deses contedores, da empresa Bedeko Europe, contiña milleiros de sacos, de 25 quilos cada un, cheos de millóns de 'pellets' de plástico, que se esparexeron polas costas galegas", explican desde Ecoloxistas en Acción.

Estes plásticos de cinco milímetros de diámetro utilízanse para a fabricación de todo tipo de produtos, pero o seu reducido tamaño fai que sexa moi complicada a súa recollida unha vez que se mesturan coa area.

Advirten de que estes 'pellets' non se descompoñen, senón que se van degradando aos poucos e converténdose en microplásticos e nanoplásticos que inxiren todos os animais, o que fai que acaben consumidos por humanos. Por iso, alertan de que é preciso actuar de "inmediato".

"Escurantismo"

Os colectivos ecoloxistas e do mar denuncian o "escurantismo" da Xunta, que non alertou cando tivo aviso da perda de contedores "nin activou medidas de actuación nos 18 días previos á chegada dos plásticos ás praias, tempo no que se podería evitar gran parte da contaminación".