A Xunta aproba a declaración de impacto ambiental de tres novos parques eólicos cun investimento total de 83 millóns

Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)
Disporán dunha potencia instalada de 98,7 megawatts con máis dunha vintena de novos aeroxeradores.

A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta da Galiza publica esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a aprobación da declaración de impacto ambiental de tres novos parques eólicos.

Estas novas infraestruturas estarán situadas nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras, O Irixo e Lalín, e Laza e Vilar de Barrio, respectivamente.

En total disporán dunha potencia instalada de 98,7 megawatts (MW) e suporán un investimento de máis de 82,9 millóns de euros, con máis dunha vintena de novos aeroxeradores.

Gato, na comarca de Betanzos

En concreto, o parque eólico de Gato, que se instalará entre as localidades de Aranga e Oza-Cesuras, na comarca de Betanzos, será promovido por Greenalia Wind Power e contará con catro aeroxeradores e unha potencia de 25,2 megawatts.

O investimento previsto abeirará os 20,5 millóns de euros e foi aprobada a súa declaración de impacto ambiental sempre que cumpra unha serie de requisitos que teñen que ver coa protección da atmosfera, das augas e ríos ou do chan e a xestión de residuos.

Valdepereira, no Deza e comarca do Carballiño

O parque eólico do Irixo, comarca do Carballiño, e Lalín, no Deza, chamarase Valdepereira e está promovido por Aerogeneración Galicia. O proxecto constará de seis muíños, que permitirán unha potencia total de 24 MW. Para iso, será necesaria un investimento de 25,2 millóns de euros.

Ao igual que o anterior, serán necesarias unha serie de condicións para que se poida levar a cabo, co obxectivo de respectar a contorna e o medio ambiente.

Fial das Corzas, nas comarcas da Limia e Verín

Por último, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellaría de Medio Ambiente tamén aprobou o parque eólico de Fial das Corzas, situado entre os concellos de Laza e Vilar de Barrio.

Trátase da instalación máis grande das tres, con 11 aeroxeradores e un total de 49,5 megawatts de potencia instalada. Isto suporá un gasto de máis de 37,2 millóns de euros.

O proxecto é promovido por Iberdrola Renovables Galicia e tamén terá que cumprir certas condicións para ir adiante, aínda que é considerado "ambientalmente viábel".