Denuncian que a Xunta dá o seu "apoio total" á empresa que controla a mina de San Finx

Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).
Rafaella Resources fíxose coa titularidade de Tungsten San Finx, despois de comprarlla á construtora española Sacyr.

O director xeral de Rafaella Resources, Steven Turner, asegurou contar co "apoio total" do Goberno galego. A compañía, de orixe australiana, é a empresa que controla a mina de San Finx, no concello de Lousame. Turner compartiu o apoio da Xunta durante un encontro con accionistas.

Para o colectivo Ecoloxistas en Acción, estas palabras contradín a posición trasladada pola Xunta hai unhas semanas, cando o Executivo galego afirmou que non poría facilidades a ningunha empresa e sometería calquera actuación aos controis necesarios.

Nun comunicado, a asociación tamén denuncia que, "lonxe de admitir o potencial impacto da mina sobre a ría de Muros e Noia, o australiano manifestou que a mina de San Finx está afastada de calquera núcleo urbano, e que non existe oposición local".

Para a asociación ecoloxista, a empresa está a mentir aos seus accionistas ao indicarlles á inexistencia desa oposición local. O voceiro de Ecoloxistas en Acción, asegurou a Nós Diario que, "se hai un proxecto mineiro despois do de Touro que conta con oposición é o de San Finx". "Mariscadoras, asociacións, ecoloxistas, cofrarías... todas criticamos a situación desta mina e o seu impacto medioambiental negativo", engadiu.

Adquisición de San Finx

O nome de Rafaella Resources non é descoñecido na Galiza. A compañía xa opera a mina de Varilongo, en Santa Comba, á que devolveu a actividade despois de 36 anos parada. Cristobal López explica que "é ao que se dedican, adquiren minas que xa ninguén quere, sácanlle todo o partido posíbel e marchan a pola seguinte".

A principios de xaneiro, fíxose coa titularidade de Tungsten San Finx, despois de comprarlla á construtora española Sacyr. Os ecoloxistas sospeitan que detrás desa manobra de comprovenda escóndese a intención de Sacyr de intentar eludir as súas responsabilidades mediambientais.

Ecoloxistas en Acción requeriu á Xunta para que impoña garantías económicas que eviten que Sacyr non asuma esas responsabilidades medioambientais, agora que se está a tramitar un proxecto de retirada de vertidos e outro de residuos mineiros nas presas abandonadas de San Finx que porían en risco a calidade das augas na ría de Muros e Noia  

Vinculada con paraísos fiscais

O colectivo fai fincapé na necesidade desas garantías económicas, xa que detalla que Rafaella Resources "só ten 600.000 euros en caixa", pese ao cal a compañía "conta con pór San Finx a producir na primeira metade de 2024. Ese capital económico "nin sequera lle permiten afrontar o custo da eliminación dos residuos mineiros acumulados nas presas abandonadas e moito menos a planta de tratamento de augas ácidas de mina contemplada no proxecto de vertidos".

A asociación tamén denunciou no seu momento que unha parte dos beneficios estimados pola compañía acabarán en paraísos fiscais, xa que Rafaella Resources está controlada por Starboard Global Ltd, un conglomerado estabelecido nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong.

A propia Ecoloxistas en Acción xa comunicou aos funcionarios e altos cargos actuantes que "lles esixirá responsabilidades patrimoniais individuais ao cargo do seu patrimonio persoal", no caso de que a empresa declare como inasumíbeis os custos relacionados coas responsabilidades ambientais. Cre tamén que a actuación da Xunta podería ser motivo de delito, e informa de que "avanzará con novas denuncias penais por inacción".