Rafaella Resources explota as minas galegas operando desde paraísos fiscais

A firma australiana faise coa mina de San Finx, fiscalizada por Bruxelas pola xestión dos fondos europeos en dous proxectos levados a cabo polo CSIC.
Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).
photo_camera Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).

Rafaella Resources vén de facerse coa titularidade de Tungsten San Finx, a firma que explota a mina homónima no concello de Lousame, até o de agora en mans da construtora española Sacyr. Con esta adquisición, a compañía australiana faise forte na Galiza, onde xa opera a mina de Varilongo, en Santa Comba, á que devolveu a actividade despois de 36 anos parada. 

A compañía calcula que obterá desta explotación ─que podería ver ampliada a súa área coa petición de novos permisos─ uns ingresos de 117 millóns de dólares (uns 103 millóns de euros) e un beneficio antes de impostos e amortizacións de 47,4 millóns de dólares (42 millóns de euros) no próximo lustro.

A estes hai que sumar agora os da mina de San Finx, coa que Rafaella Resources aspira a converterse nun "provedor líder de volframio na Europa Occidental", en palabras do seu director xeral, Steven Turner.

Parte deses beneficios irían a parar a paraísos fiscais, xa que, como denuncian desde Ecoloxistas en Acción, as dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e a súa filial Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd, un conglomerado estabelecido nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, "en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia", apuntan desde o colectivo ecoloxista.

Esta circunstancia failles temer que, con esta manobra de compravenda, Sacyr pretenda eludir as súas responsabilidades medioambientais, agora que se está a tramitar un proxecto de retirada de vertidos e outro de residuos mineiros nas presas abandonadas de San Finx que porían en risco a calidade das augas na ría de Muros e Noia. "As consecuencias multimillonarias de implicar o fechamento de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema", indican desde Ecoloxistas en Acción.

As présas do CSIC

O pasado mes de decembro, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) deu por finalizados dous proxectos que tiña en marcha no xacemento financiados con cargo a fondos europeos, denominados iTarg3 e Next, que tiñan como beneficiaria a mercantil Valoriza Minería SL, matriz da concesionaria da mina de San Finx.

Sobre estes estudos pedira explicacións no Congreso o pasado mes de setembro o deputado do BNG, Néstor Rego. En concreto, sobre a suposta vertedura sen autorización de máis de 50.000 litros á hora de drenaxes de mina "con elevadas concentracións de metais pesados sen tratamento algún" dentro do proxecto Next.

Ademais, Rego tamén preguntou ao Goberno español sobre "o posíbel uso fraudulento de fondos europeos" nas actividades levadas a cabo na mina, que non se someteron ao procedemento de avaliación de impacto ambiental requirido pola lei.

Esta "dura" pregunta, así cualificada polo prestixioso semanario finés Suomen Kuvalehti nunha información sobre a mina, foi trasladada a modo de denuncia por colectivos ecoloxistas á Comisión de Peticións da Eurocámara. A petición está agora pendente de que se lle dea traslado á Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo.  

Comentarios