Unha empresa vinculada con paraísos fiscais compra a mina de San Finx

Mapa de actuacións da firma australiana após mercar a Sacyr a mina de Lousame. (Foto: Rafaella Resources)
A compañía australiana Rafaella Resources vén de confirmar un acordo con Sacyr para a compra do 100% da propiedade desta explotación en Lousame.

A compañía australiana Rafaella Resources -a través da súa filial Biscay Minerals- informou dun acordo con Valoriza Minería -filial de Sacyr- para a compra do 100% da propiedade da mina de San Finx, en Lousame.

Segundo informou a compañía esta terza feira nun comunicado, con este acordo a empresa -que xa conta coa mina de Varilongo, en Santa Comba- busca converterse "nun provedor líder de Europa occidental de estaño e volframio". 

Sacyr "tenta fuxir das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx" ao anunciar a venda de activos a "unha empresa opaca con sede en Australia, Biscay Minerals, como vía de escape ás responsabilidades ambientais", afirma Ecoloxistas en Acción

O pago non será por adiantado, pois non se aboará ningunha cantidade até que se produzan e vendan as 1.000 primeiras toneladas de mineral -nunha operación valorada en cinco millóns de euros-. A operación faise de forma paralela ás adquisicións das minas de Boralha e Vila Verde, no norte de Portugal. 

Acusan Sacyr de "tentar fuxir"

Ecoloxistas en Acción denunciou que Sacyr "tenta fuxir das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx" ao anunciar a venda de activos a "unha empresa opaca con sede en Australia, Biscay Minerals, como vía de escape ás responsabilidades ambientais".

Nun comunicado, informa de que enviou escritos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a diferentes cargos do Goberno galego nos que demanda que se impoña un aval ambiental de 20 millóns de euros a Valoriza Minería, "tendo en conta que o actual, de apenas 178.000 euros, é irrisorio á vista dos pasivos ambientais existentes". 

"As dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd., unha compañía estabelecida nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia".