A Limia encalla máis unha vez no Parlamento

Explotación porcina na Limia. Coren
Unha iniciativa do Grupo Mixto para aumentar os controis sobre o tratamento dos residuos das explotacións gandeiras e decretar unha moratoria sobre as novas instalacións topa coa negativa do PP a aceptar o problema.

Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda, traballador forestal e deputado desde hai tres anos, volveu levar ao Parlamento a voz da plataforma de veciñas e veciños da Limia que encabezan hoxe unha loita sostida durante décadas por científicos ambientalistas contra a contaminación das augas do río, dos encoros e dos acuíferos a consecuencia do impacto dos residuos que xeran centos de miles de aves e porcos, gando en cantidades industriais, que se deitan sen control e en constante aumento. 

“A Limia está sometida a unha severa agresión”, dixo Rodríguez, e volveu ler parte dos informes científicos, dos informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, das respostas da principal empresa responsábel das granxas (Coren) e volveu laiarse da inacción do goberno da Xunta de Galiza.

Pedía Rodríguez que se atenderan as peticións dos científicos e da veciñanza: que se controlen as esterqueiras ao ar libre, que se controle ás empresas que transportan os xurros, que se fagan públicos os datos sobre a carga gandeira que soporta a comarca, que se decrete unha moratoria sobre as granxas, que se regule a xestión dos residuos agrogandeiros... Actuacións concretas sobre as que a resposta da Xunta (a través do deputado popular Carlos Gómez Salgado, natural de Xinzo) pasou de largo. 

Todos os grupos da oposición admiten que na Limia “hai anos” que existe un problema, e que evidente “que vai haber que actuar

Todos os grupos da oposición admiten que na Limia “hai anos” que existe un problema, e que evidente “que vai haber que actuar”. Para o PP, as medidas anunciadas nos últimos meses -novos centros de tratamento e mesas sectoriais e plans estratéxicos de actuación na comarca- resolven a urxencia de actuación. Do atraso, a Xunta e o PP non falan. Das dimensións do problema -das cantidades, medíbeis- tampouco.

Desde o PSOE, Patricia Vilán avanzou que apoian as demandas do Grupo Mixto, incidindo na necesidade dunha normativa e de que esta conte cun orzamento para se desenvolver. Vilán sintetizou o problema da Limia: dun lado, As Conchas, o encoro contaminado con cianobacterias que poden xerar efectos canceríxenos. “Iso sábese desde o 2011”, aseverou. Doutro lado, os arrastres e os vertidos de residuos que contaminan os solos e os acuíferos.

Xosé Luís Rivas, polo BNG, desvelou a táctica do PP para situacións como esta. “Cando xorde un problema, tápase. Canto máis medra o problema, máis medra o silencio”, dixo o parlamentario nacionalista antes de lembrar que o modelo agrogandeiro na Limia é un exemplo de como Galiza “cede o negocio a outros e aquí papamos a merda”. Rivas reclamou que non se concedan máis licencias para a explotación de granxas na comarca e pediu uns datos concretos: “queremos saber cantas granxas soporta cada hectárea de terreo na Limia, e que parcelas están asociadas a cada granxa, porque temémonos que hainas con 100 quilómetros polo medio”. De datos o PP e a Xunta non quere saber nada. “Outra perla do negacionismo”, resumiu Marcos Cal, portavoz de Podemos neste debate. 

Davide Rodríguez quedou en falar coa plataforma veciñal antes de contestar ás emendas que propoñen os grupos.