Veciñanza organizada contra as malas augas na Limia

[Imaxe: Auga Limpa Xa] Recollida de firmas de apoio ás reivindicacións da plataforma.
A reacción veciñal diante da reiterada contaminación do río, os encoros e os acuíferos na comarca provoca a intervención da Xunta e que a empresa Coren asuma que é unha parte importante do problema.

“Aquí as aldeas son xeriátricos sen persoal. Vellos coidando de vellos. Pero hai economistas que che din: ‘mellor que veñan as grandes empresas porque se non a xente seguirá marchando”, conta, en declaracións a Sermos Galiza, Daniel Rodicio, que estudou economía en Compostela, regresou ao seu concello, o da Bola, nunha das comarcas (Terra de Celanova) máis avellentadas do país, montou unha granxa, organizouse no Sindicato Labrego Galego e hai uns meses decidiu que o máis práctico sería preparar unha oposición. 

Rodicio relata como o ano pasado recibiron aviso dun veciño. Morréranlle dous cabalos e o veciño sinalaba un pozo como o culpábel. O pozo e os cabalos estaban moi perto dunha macrogranxa de porcos que Coren presentara hai tres anos como o sistema máis avanzado en tratamento de xurros. O veciño alertou ao Seprona, persoal do Seprona comprobou o pozo e sancionou o veciño por ter feito un pozo ilegal, di Rodicio.

Uns meses antes, no verán de 2018 na Xironda, unha parroquia de Cualedro na comarca de Verín, unha técnica da Axencia de Desenvolvemento Rural e o alcalde da localidade explicaba a veciñas e veciños, a maioría emigrantes de vacacións en agosto, os beneficios de pór as súas fincas no Banco de Terras que as alugaría a unha gran empresa que plantaría cereal. As reunións repetíronse noutras parroquias e en concellos veciños. Ao escoitar o nome da gran empresa, unha veciña advertiu: “Coidado con Coren”.

En Springdale (Arkansas, EE.UU.) ten a sede Tyson Foods, unhas das maiores multinacionais da produción e venda de carne no mundo. Un modelo para Coren. Tamén un socio, ao que rende visita o presidente da cooperativa, Manuel Gómez-Franqueira, o fillo dun dos fundadores da empresa. Tyson Foods é a cabeza e o motor dunha maquinaria de produción e comercialización espallada por medio planeta. “Tyson Foods proporciona aos seus socios, entre outras cousas, avances xenéticos, pensos e tratamentos para prever enfermidades dos animais”, sinala David Rodicio.

En decembro pasado, veciñanza e activistas pola conservación do medio ambiente decidiron organizarse nas comarcas do suroeste para conter o desastre que a agrogandaría intensiva está causando no territorio, sinaladamente na Limia e na Baixa Limia, onde os efectos sobre as augas fixéronse evidentes a simple vista coa aparición dunhas algas verdosas no río Limia e no encoro das Conchas os tres últimos veráns. “Solicitamos unha moratoria á instalación de novas granxas industriais na Limia e a correcta xestión das explotacións intensivas xa existentes”, lese no manifesto da plataforma Auga Limpa Xa!

En realidade, a das algas era unha reaparición. A principios dos anos 2000 xa provocaran as primeiras protestas veciñais. As analíticas periódicas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil empezaron alertando da contaminación. En 2011, Sanidade prohibiu o baño nas augas do encoro. En 2014, un estudo do CSIC vinculaba a aparición das algas coa proliferación de cianobacterias nas augas. Uns niveis anormalmente altos de fósforo e nitróxeno que tería como orixe, segundo o CSIC, os xurros animais deitados nos solos das comarcas da Limia. A acidificación das augas tiña potenciais efectos canceríxenos en caso de consumo humano, avisaron as persoas expertos. En 2018 o caso chegou ao Parlamento galego. Pero as algas volveron este verán e o Concello de Bande foi o primeiro en prohibir o baño nas Conchas, o 21 de agosto. Na outra beira, o Concello de Muíños foi máis remiso, pero as analíticas do día 29 fixeron inevitábel a prohibición. 

“Estamos diante dun conflito basicamente económico”, apunta Daniel Rodicio, “estas comarcas son un centro de produción gandeira e centos de familias dependen deste modelo de produción intensiva no que os residuos non se xestionan para abaratar os custes. Nestas comarcas haberá uns 30.000 habitantes, pero a pegada dos residuos sobre o territorio equivale á dunha poboación de 1,8 millóns de habitantes… iso xa estaba no estudo de 2014. Nós calculamos que haberá unhas catrocentas explotacións, os datos oficiais estiman que se crían uns 200.000 porcos e 22 millóns de polos”.

Na plataforma, di o manifesto, avogan por “unha gandaría sostíbel con prezos xustos para as produtoras e produtores”. Non toda a xente na Limia está a favor da protesta. A plataforma organizou este verán tres recollidas de sinaturas coincidindo coas feiras nas cabeceiras de comarca. En Celanova e en Bande as cousas foron ben. En Xinzo tiveron unha agarrada. “Empezamos coas mobilizacións porque na mesa que se conformou para atender o problema non vemos avances”, di Rodicio.

Na Mesa da Limia, constituída en abril, os sindicatos agrarios, as ecoloxistas e Auga Limpa Xa conseguiron sentar a Xunta e a Coren. Despois, Coren accedeu a unha reunión coa plataforma veciñal. “Foi antes do verán. Prometeron recuperar a planta de tratamento de Sarreaus e esta mesma semana anunciaron que se abrirá en breve. Prometeron levantar unha planta de compostaxe en Xinzo. Obrigar aos gandeiros a construír almacén para secar o esterco en cada explotación… Parece que teñen unha visión máis realista que a que teñen os gandeiros. Sabemos que hai modelos de xestión de xurros que funcionan. O problema é que aquí non se xestionou de ningunha maneira e agora non poden pretender que os gandeiros asuman todo o custo porque xa sofren uns prezos moi baixos”.

Na xuntanza, os activistas compartiron fórmulas de xestión con Emilio Rial, director xeral de Coren, e Luis Ojea, responsábel de produción avícola, entre outros directivos da empresa. Queren que as solucións se implementen rápido. Aumentarán a frecuencia das accións de información e recollida de apoios en todas as comarcas. “Se se empeza xa, nun ano poderiamos ver os primeiros efectos da rexeneración do río”, di Rodicio a este medio. Mais son conscientes de que hai problemas dos que aínda se descoñece a súa dimensión. Nos acuíferos, por exemplo. E outros de solución máis complexa. A xestión do territorio, na base de todo. “Abandonada polas institucións e en mans das grandes empresas polo que se está vendo”, laiase Rodicio, que se resiste a cumprir as previsións dos economistas, que non quere marchar sen dar a batalla. E reflexiona: “Cando menos temos conseguido unificar as loitas e coordinarnos entre toda a xente que levaba décadas denunciando os efectos do modelo intensivo nestas comarcas. Agora hai conciencia e organización”.

 

Nota. Imaxes do texto: Bañistas na praia do Corgo (Muíños) e manto de algas no encoro a pasada sexta feira.