O Goberno galego subvencionou con 100 millóns de euros en 2023 aos centros privados de maiores. A contía atópase na mesma liña do achegado no pasado exercicio e incide nun modelo que se amosou letal durante a pandemia.
Os datos de persoas falecidas durante a pandemia certifican que 90% finaron en residencias de xestión privada. A este respecto, as porcentaxes máis elevadas de mortes déronse naqueles centros residencias de maior tamaño.
Galiza a última en prazas de residencia
O número de prazas de residencia sitúase da Galiza á cola do Estado. Segundo os dados do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellaría de Política Social, Galiza dispón de 24.819 prazas para maiores, incluíndo xeriátricos e pisos tutelados.
A asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais revela que só rexistra peores cifras que Galiza, Andalucía e País Valenciá, uns territorios que presentan unha poboación menos envellecida.
A cifra está por baixo dos estándares requiridos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que aconsella 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos e obrigaría a contar con 33.643 prazas.
Galiza é o territorio do Estado con menos prazas de residencia de carácter público. Segundo os dados achegados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), a cobertura pública en centros de maiores só chega a 22,8% dos usuarios, case 40 puntos por baixa da media estatal.
DomusVi e San Rosendo
Os principais beneficiados das axudas da Xunta da Galiza á dependencia son DomusVi e a Fundación San Rosendo. Os dous grupos sons os principais operadores do sector con máis de 7.000 prazas de residencia.
DomusVi é o primeiro operador da Galiza con máis de 29 centros distribuídos por toda Galiza. O grupo é propiedade de do fondo británico Intermediate Capital Group (ICG) e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel.
A Fundación San Rosendo é o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza, con máis de 67 centros de cerca de 3.600 prazas asistenciais. Neste caso, trátase dunha entidade ligada a Igrexa.
DomusVi e Fundación San Rosendo signifícanse pola súa proximidade ao Partido Popular, dependendo unha parte importante da súa conta de resultados das concesións públicas.