A Xunta une a evolución de Compostela ao comportamento de universitarios sen datos na man

Estudantes en Compostela (Imaxe: Arxina).
Datos difundidos pola USC a nivel interno para "contextualizar e confrontar o aumento dun discurso alarmista e estigmatizador" deron conta, a 13 de outubro, de 23 positivos acumulados nunha semana entre 25.000 estudantes. O cribado en residencias universitarias compostelás devolveu 14 contaxios entre 903 persoas. Reitorado, alumnado e mesmo o concelleiro de Educación piden a Xunta e Concello de Compostela non xeneralizar e defenden un seguimento maioritario das medidas de seguridade.

Responde a negativa evolución da Covid-19 na comarca de Compostela co inicio do curso universitario? É moi posíbel que os factores que expliquen unha maior incidencia da enfermidade sexan múltiples. O Goberno galego, nun comezo reticente a sinalar grupos concretos de poboación, puxo o foco nas reunións familiares primeiro e na comunidade universitaria despois.

O líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, membros do comité clínico da Xunta ou o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, cuestionaron de maneira concreta o comportamento dos estudantes debido a que terían unha menor percepción do risco. O foco acentuouse nas pasadas semanas e nomeadamente asobre os residentes na capital galega, sobre a que paira un posíbel confinamento perimetral similar ao de Ourense e cuxa economía peligra, segundo Núñez Feixoo, desa irresponsabilidade.

Falar de universitarios en xeral é inxusto, afirmou o conselleiro de Educación Román Rodríguez

Un discurso que provocou que o Conselleiro de Educación matizase a postura da Xunta. "Falar de universitarios en xeral é inxusto", valorou antonte Román Rodríguez, agregando que se constatara pola súa banda "un respecto polas normas" e unha "gran responsabilidade". Nesa mesma xornada, os reitores das tres universidades galegas defenderon ao estudantado esgrimindo as reducidas cifras de positivos nas súas instalacións.

Onte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tamén evitou ligar especificamente ao alumando coa evolución das cifras, remitíndose ás "contornas de confianza nas que a xente se reúne e se relaxan medidas" dunha maneira xenérica. "É un patrón que se repite", agregou, xustificando así a limitación das reunións privadas a dez persoas decretada pola Xunta. 

Sen cifras concretas

E é que a falta dos resultados do cribado que se está a realizar entre 50.000 estudantes das universidades públicas, nin o presidente da Xunta nin o alcalde de Compostela sustentan o seu discurso con datos concretos. Nos seus comunicados remítense á evolución de casos activos no concello sen desagregalos en franxas de idade, unha información que a Consellaría de Sanidade non ofrece ao público nin detallou a Nós Diario cando a solicitou.

Sanidade tampouco informa dos casos activos de coronavirus por municipios, máis alá dun mapa no que se sitúan en catro niveis de alerta por abanos de contaxios por cada 100.000 habitantes. Os concellos que máis alumnado universitario albergan permanecen no nivel catro, o máis elevado, no caso de Compostela, e no tres nos da Coruña e Vigo. 

Segundo Núñez Feixoo, a 15 de outubro o número de casos en Compostela nos últimos sete días ascendía a 140 por cada 100.000 habitantes, fronte a 82 da media galega. Onte, o rexedor compostelán informou de 340 casos por cen mil habitantes, un incremento de 50% nas dúas últimas semanas. Nin o primeiro nin o segundo fixeron mención a que os novos casos se concentrasen nas franxas de poboación máis novas. 

Xeneralizar

En Compostela, foi a propia universidade á que informou dos casos detectados no alumnado nun correo interno enviado o 13 de outubro. Nel dan conta de 23 casos acumulados nunha semana entre o campus da capital galega e o de Lugo, que suman 25.000 estudantes. "Ofreceuse a cifra co obxectivo de contextualizar e confrontar o aumento dun discurso alarmista e estigmatizador da comunidade universitaria", explican a este medio fontes da USC.

Ofreceuse a cifra co obxectivo de contextualizar e confrontar o aumento dun discurso alarmista e estigmatizador, din desde a USC

As mesmas fontes inciden en que "á vista dos datos que ofreceu o posterior cribado nas residencias públicas e privadas feito pola Consellaría de Sanidade" ditas afirmacións carecerían de fundamento. Identificáronse tres casos positivos na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, un no Colexio Maior Fonseca e dez no Colexio Maior Universitario Xelmírez, de carácter privado, do total de 903 probas realizadas.

Outro dos datos que achega o Concello de Compostela son as denuncias por exceso de ruído en reunións ou celebracións nocturnas. Na primeira semana do curso universitario, que en Compostela concentra uns 20.000 estudantes, a Administración local informou de 64 reunións nocturnas; na segunda de 30 a na terceira de 58. Nas súas comparecencias, Sánchez Bugallo non detalla se estas reunións corresponden sempre a alumnado universitario. No caso da Coruña, o xornal local La Opinión informou onte de que os universitarios son minoría nas intervencións por xuntanzas en pisos.

Non penso que as festas sexan maioritarias, valora o estudante Paulo Mouriño

O alumnado co que contactou este medio non nega que haxa estudantes que non respecten as medidas de seguridade, pero como o propio reitorado insisten en que non se debe xeneralizar. "Non penso que as festas sexan maioritarias, na miña contorna non teño constancia de que se estean a celebrar, eu mesmo relaciónome sempre coas mesmas persoas e procuramos ter coidado", di Paulo Mouriño Pereiro, estudante de Filoloxía Galega. 

Día a día do alumnado

"Sempre quedamos en grupos reducidos e en círculos fechados", afirma a alumna de Maxisterio Marinha Longa, sinalando que desde o inicio do curso reduciu os regresos ao fogar familiar para visitar aos seres queridos. "Neses casos extremo as precaucións, aínda que penso que teño máis probabilidades de contaxiarme no autobús que vai a Caldas de Reis, ateigado de xente e con viaxeiras ao meu carón, que vendo as miñas amigas", valora.

"Entendo a preocupación por ver que fan as estudantes, mais provoca cansazo ver as noticias sensacionalistas sobre universitarios dos medios de comunicación. Sobre os bares nos que xente de maior idade incumpre as medidas de seguridade non se está a falar tanto", agrega esta alumna.

Respecto as medidas nas aulas as visións de ambos os estudantes difiren. "Estanse a organizar por facultades, eu na de Filoloxía percibo que funcionan moi ben, non se detectaron casos e a xente está a cumprir. Desde o alumnado percíbese un esforzo por parte das institucións da nosa facultade, máis agora que a USC publicou bolsas para axudar ao alumnado que teña problemas para pagar unha boa conexión a internet, ou que careza de ordenador propio e outro material", di Paulo Mouriño Pereiro.

Mariña Longa comparte a sensación de seguranza no seu centro. "En boa medida, porque apenas temos clases presenciais”, matiza, agregando que o ensino en liña que están a recibir adoece de numerosas eivas. "Os traballos grupais son moi problemáticos, o profesorado mudou xa en varias ocasións o temario desde o inicio do curso, ou esquece as quendas nas que podemos asistir ás aulas, estamos a pagar os mesmos cartos por unha calidade moito peor". 

Ocio e consumo

A Universidade de Santiago de Compostela está a defender a conduta da maior parte do seu alumnado, mais a súa preocupación no comezo de curso levouna a por en marcha a campaña Non a líes xunto coa hostalaría local. Unha iniciativa que equipara o "ocio responsábel" e seguro co consumo en bares ou cafetarías e que estes estudantes cuestionan.

"Seguramente sexa menos problemático asistir ao teatro, ao cinema ou as actividades nos centros socioculturais, mais non se promocionan igual. Asociar o ocio ao consumo, nomeadamente ao de alcol, é un problema que penso que se arrastra desde hai tempo", conclúe Mouriño Pereiro.