Sanidade ve nas reunións familiares e sociais a causa "maioritaria" do aumento de contaxios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expuxo as novas restricións polo coronavirus.

Detrás das novas limitacións acordadas pola Xunta, e vixentes desde esta medianoite, polas que se reduce a dez o número máximo de persoas en reunións, públicas e privadas, e noutras actividades en toda Galiza está a "evidencia demoledora" de que estas xuntanzas son a causa "maioritaria" dos novos contaxios, que nos últimos sete días suman 2.247 casos máis. 

 

Este foi o argumento co que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou as medidas anunciadas na noite da pasada terza feira, que ademais das restricións xerais para xuntanzas en grupo supoñen o confinamento perimetral conxunto do Carballiño, O Irixo e Boborás, nas mesmas condicións que operan desde a semana pasada en Ourense e Barbadás, e un aumento das restricións en Verín.

Desta maneira, desde mañá aplicaranse este concello a medida de contención que opera desde hai unha semana en Ourense, Barbadás, na comarca do Carballiño e no Barco de Valdeorras, onde as xuntanzas están restrinxidas a grupos de persoas conviventes, para frear a progresión epidemiolóxica. 

As novas normas de reunión non se aplicarán ás capacidades da hostalaría nin nas actividades laborais, educativas ou de formación regrada, ocupacionais ou administrativas, nin tampouco en reunións profesionais, eventos ou congresos, aínda que, nese caso, cada actividade grupal si será dun máximo de 10 persoas ao mesmo tempo.

Si rexerán en cambio en actividades formativas non regradas, como as de bibliotecas e arquivos, autoescolas ou en animación de hoteis, así como clubs de lectura ou ximnasios e instalacións deportivas ou de tempo libre.

O incremento de medidas de control tratarán de reverter a evolución epidemiolóxica nestas localidades, que no caso de Ourense sumou 229 novos casos nos últimos sete días e 475 nas últimas dúas semanas, unha incidencia "bastante por enriba da media galega, segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

A taxa de PCR positivas na súa área sanitaria supera 12%, moi por riba do resto da Galiza. No caso do Carballiño, o Concello confirmou onte que hai detectados 163 casos nunha poboación de 14.000, 92 na última semana, aos que se suman 18 positivos en Boborás e oito máis no Irixo. 

Xunto coas restricións, o conselleiro anunciou esta cuarta feira o inicio dun cribado entre a poboación universitaria de Compostela, despois de que o comité clínico que asesora o Sergas situara no inicio de curso unha das causas do aumento de casos nesta área.

Estes cribados ampliaranse ás residencias dos restantes Campus universitarios, nomeadamente, A Coruña e Vigo e poderán estenderse, segundo a Xunta, a outros ámbitos universitarios. 

O fechamento total da hostalaría "non procede"

Cos datos da evolución epidemiolóxica na man, o conselleiro de Sanidade manifestou tamén que a día de hoxe, a Xunta non ve proporcionada unha medida de restrición xeneralizada na hostalaría como a que se está a adoptar en Catalunya. "Non procede", indicou, remitíndose á boa situación sanitaria de "moitos concellos".

Segundo explicou, o equipo experto que asesora o Sergas na xestión da pandemia non é partidario tampouco de fechar por completo a hostalaría na Galiza para frear os contaxios, senón que se decanta por medidas "cirúrxicas", adaptadas á situación de cada territorio.

No ámbito galego, o Concello de Verín acordou coa hostalaría local a suspensión durante dez días da actividade de bares e terrazas, e a rebaixa de capacidade en restaurantes, á vista da evolución dos contaxios, que esta semana levaron á Xunta a elevar as restricións a nivel 3.

Na súa comparecencia, García Comesaña lembrou ademais que Sanidade "tomou medidas" como o fechamento interior de bares e cafetarías naqueles lugares "onde era necesario", como ocorreu no barrio lugués da Milagrosa a finais de agosto, unha imposición, recoñeceu, "dura e difícil de cumprir".