Compostela, Ourense, Verín e O Carballiño, "no foco" da pandemia

Restricións da mobilidade no Carballiño (Europa Press)
O comité clínico que asesora o Sergas na xestión da Covid-19 cre que as dúas semanas vindeiras van ser, con toda probabilidade, "críticas" na evolución da pandemia na Galiza. 

O subcomité de persoal experto reuniuse na sexta feira co conselleiro de Sanidade para avaliar a efectividade das medidas que se están a aplicar nos distintos concellos en función da súa situación epidemiolóxica, un encontro que deu como resultado o levantamento das restricións especiais no municipio de Ortigueira, dado o descenso "drástico" no número de casos desde o pasado día 2 –cando se elevaron as limitacións–, e o mantemento do resto de limitacións, con especial atención aos concellos de Ourense, O Carballiño, Verín e Compostela.

Nos dous primeiros, o alto número de contaxios levou ao confinamento perimetral dos municipios –no caso de Ourense, en conxunto co concello limítrofe de Barbadás e, no do Carballiño, xunto con Boborás e O Irixo– e en Verín –como nos anteriores– están limitadas as xuntanzas a persoas conviventes e reducida a actividade hostaleira, que decidiu fechar bares e terrazas, mentres que en Compostela mantéñense sen variacións malia ser, segundo expresou o conselleiro, un dos catro concellos onde o comité ten o "foco posto", como ocorre cos tres anteriores. 

Segundo os datos trasladados na comparecencia desta sexta feira, 16 de outubro, pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, a taxa por 100.000 habitantes nos últimos sete días é de 140 casos, e de 209 nos últimos 14, cifras "contidas e de tendencia decrecente", segundo considerou, que levan o Sergas a manter as medidas "á expectativa" dos días vindeiros. "Iso non significa que, se a situación empeora, haxa que tomar outras medidas, pero polo momento son proporcionadas", admitiu un membro do comité.

No caso de Ourense, na última semana detectáronse 207 casos, e 479 nas dúas últimas, co que a incidencia por 100.000 habitantes é de 196 e 455 casos en cada período, datos que, segundo indicou Durán, son "bastante parecidos" aos da semana pasada, con "certa tendencia para mellorar".

 Verín, con 39 positivos a sete días e 68 en 14, non se está "aínda apreciando unha melloría", recoñeceu a directora xeral, que fixou a maior preocupación no Carballiño, con 93 casos a sete días e 165 en 14 e onde segue o aumento paulatino de contaxios, sen que as restricións de mobilidade teñan dado aínda resultados. 

Como salientou, a incidencia media do coronavirus na Galiza está moi por debaixo destas cifras, con 71 casos por cada 100.000 habitantes a sete días e de 136 casos por 100.000 habitantes a 14 días, o que a sitúa tamén por detrás da media estatal. Porén, as cifras de contaxios continuaron na sexta feira á alza, con 354 novos casos activos na pasada xornada

Na última semana o número de contaxios sumou 2.130 casos, e as persoas falecidas son xa 808, após cinco novos decesos, mentres que hai 272 doentes en centros hospitalarios, 41 deles na UCI. 

A Consellaría de Sanidade sitúa no máximo nivel de alerta, por rexistrar máis de 21 casos nunha semana, unha decena de municipios, aos que sumou Ordes, e que inclúen Ourense, Compostela, Arteixo, Ames, Narón, O Barco, Verín, Pereiro de Aguiar, Barbadás e O Carballiño. 

O cribado universitario en Compostela deixa 1,5% de positivos

O cribado de casos de Covid-19 realizado que a Xunta comezou nas residencias universitarias de Compostela rexistrou unha adherencia de 83% das persoas convocadas e permitiu detectar 14 positivos en coronavirus, 10 deles nun mesmo centro.

Así o explicaron desde a Consellaría de Sanidade, que esta semana sinalaba o inicio do curso universitario como unha das causas do aumento da incidencia da pandemia nesta cidade.

As probas nas residencias universitarias da USC –que está previsto estender ás de Vigo e A Coruña– comezaron a pasada cuarta feira, cunha "poboación diana" seleccionada de 1.089 estudantes, das cales se presentaron ás probas 903, cun total de casos positivos de 14, o que supón unha taxa de positividade de 1,5%.

Aínda que a porcentaxe é baixa, as autoridades sanitarias apostaron por "ter un maior número" de mostraxes para "sacar conclusións sólidas".

Durante a rolda de prensa, o doutor Sergio Vázquez Estévez, integrante do comité clínico, reiterou a preocupación pola incidencia de coronavirus "ligada ás festas universitarias", e fixo unha nova "chamada de atención" a este colectivo para que sexa "responsábel" e evite festas "até que pase esta situación", por ser "un foco claro de contaxios".

"Non hai máis que ver o que está a pasar noutras cidades universitarias", concordou o doutor Vázquez Lima, en referencia a localidades como Salamanca ou aos datos de Compostela, onde o concello "leva semanas alertando das festas nos pisos" e a evolución pode levar a necesitar "novas medidas".