Xustiza

Xulgados de instrución da Coruña e Vigo exixen á Xunta gardas de 24 horas "inmediatamente"

Concentración de funcionarios de xulgados de instrución esta terza feira. (Foto: Europa Press).
Solicitan a dotación orzamentaria necesaria para a implantación deste sistema de gardas.

Os oito xulgados de Instrución da Coruña aprobaron, en xunta sectorial por unanimidade, transmitir ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a necesidade de que solicite "de maneira inmediata" á Xunta da Galiza a dotación orzamentaria necesaria para a “implantación dun sistema de gardas de 24 horas neste partido xudicial”.

A esta petición sumáronse tamén os xulgados de Vigo que organizaron de maneira simultánea esta terza feira outra xunta sectorial para aprobar unha iniciativa idéntica.

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución Número 6 da Coruña, María Jesús García García, explicou que os partidos xudiciais de Vigo e da Coruña son "os únicos de todo o Estado español" que teñen un sistema de garda semanal, isto é, "cunhas horas de garda presencial e outras de dispoñibilidade telefónica".

Resposta inmediata

García destacou que o servizo de garda é "determinante" na atención á cidadanía. "Pretendemos que sexa unha garda presencial as 24 horas para poder dar unha resposta inmediata a calquera petición", apostilou.

Esta iniciativa, segundo sinalou a maxistrada, "xa foi aprobada" polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o organismo competente para determinar "se procede ou non" a implantación dese sistema de garda en función da densidade de poboación e a carga de traballo que soportan os xulgados de Instrución.

"A necesidade do servizo xa se estableceu, só falta a dotación orzamentaria da Xunta da Galiza", insistiu García, quen asegurou que esta iniciativa "conta co apoio de todos os colectivos vinculados á administración de xustiza".

A necesidade do servizo xa se estableceu, só falta a dotación orzamentaria da Xunta da Galiza

"Trátase de proporcionar un servizo público eficaz, áxil e moderno", sentenciou no día en que tivo lugar unha concentración ante os novos xulgados da Coruña, na cal participaron funcionarios dos xulgados de Instrución para exixir esta mudanza na prestación do servizo de garda semanal por un 24 horas.