Transparencia

77% da información que se pide á Xunta fica sen resposta

O PP veta unha proposta que demanda "transparencia" do Goberno.
Xuntanza, esta cuarta feira, da comisión institucional da Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Xuntanza, esta cuarta feira, da comisión institucional da Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)

O artigo 9 do Regulamento do Parlamento da Galiza estabelece que os deputados e deputadas poden solicitar os datos, informes ou documentos que teñan as Administracións. Estabelece, ademais, a obriga da Xunta de facilitalos ou fundamentar unha eventual negativa nun prazo de 30 días.

Porén, e como expuxo o deputado do BNG Iago Tabarés esta cuarta feira na Cámara, das 546 solicitudes de información e documentación requiridas á Xunta en virtude dese artigo 9º "só consideran realizadas 129, é dicir, 23% é o que vostedes considera atendido, nin sequera que o sexa realmente".

Tabarés deu estes datos durante a defensa da iniciativa na que pedía á Xunta que, "de conformidade coa legalidade vixente e con pleno respecto ao dereito fundamental de participación", atenda os requirimentos de información ou documentación solicitados na Cámara. O PP vetou a proposta impulsada pola formación nacionalista e que contou co apoio do PSdeG.

Vía xudicial

A proposición non de lei tamén propuña que o Parlamento instase, mesmo na vía xudicial, ás accións oportunas "para evitar a vulneración deste dereito de deputados e deputadas".

Pola súa parte, o deputado socialista Pablo Arangüena criticou que "a realidade é que a Administración galega non dá resposta á inmensa maioría das peticións, e non o fai nin en 30 días nin en 30 séculos".

Lembrou, ademais, que o índice europeo de calidade de Goberno elaborado pola Universidade de Gotemburgo e financiado pola UE, puntúa a Galiza como o territorio 14 entre as 17 do Estado en peor calidade de Goberno.

Paula Prado (PP) asegurou na súa intervención no Parlamento galego que "os mecanismos de transparencia e de bo goberno na Galiza funcionan con total normalidade e plena operatividade".

Comentarios