Un Xulgado tomba a demanda do traballador da TVG que denunciara acoso por ser homosexual

Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)

O Xulgado do Social número 3 de Compostela vén de desestimar a demanda presentada polo traballador da TVG Fito Ferreiro pola “situación de acoso” que, segundo CCOO e Alas A Coruña, “leva sufrindo desde hai anos pola súa actividade sindical, política” e “de forma especial por ser homosexual”.

“Desestimo a demanda presentada por don Fito Ferreiro Seoane fronte á CRTVG e, en consecuencia, non hai lugar a declarar a existencia de vulneración de dereitos fundamentais e absolvo a demandada dos pedimentos de condena contidos en demanda”. Esta é a resolución do Xulgado do Social número 3 de Compostela contra a denuncia presentada polo traballador da TVG pola “situación de acoso” que, segundo CCOO e Alas A Coruña “leva sufrindo desde hai anos”.

Ferreiro tomou a decisión de denunciar a CRTVG após dirixir un escrito a Recursos Humanos do ente público. Tamén puxera en coñecemento os feitos perante a comisión de acoso da CRTVG.

En xuño de 2021, Ferreiro trasladou publicamente a “situación de acoso, mobbing e LGTBIfobia” co fin de facer visíbel “a fustigación que sufrimos as persoas LGTBI na nosa contorna laboral”.

O reporteiro gráfico forma parte do colectivo crítico coa Dirección da CRTVG Defende a Galega, que esta sexta feira, 5 de novembro, desenvolve o seu 181 Venres Negro. Tamén foi concelleiro do PSOE na Coruña.

Naquela altura, a Dirección do ente público negara o denunciado por Ferreiro e manifestaba o “máximo respecto” coa orientación sexual de todas as persoas”. A CRTVG informara entón que o caso de Ferreiro fora tratado “de forma interna con todas as garantías de procedemento na Comisión de Acoso e non se atoparon motivos de discriminación de ningún tipo".

As argumentacións de Ferreiro

CCOO e Alas A Coruña advertiran de que Ferreiro comezara a sufrir “acoso” a partir de 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario. “Eu levaba no activismo LGTBI desde 1998, pero foi ese ano cando dei un salto como activista, pasando a ser entrevistado por medios” de comunicación, expuña nun comunicado de prensa.

TVG deixou entón de envialo “a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade até entón”. O seu destino foi o Telexornal mediodía, onde traballou con "noticias secundarias”.

Segundo ambas as organizacións, desde ese ano 2005 deixaron de encargarlle a Ferreiro substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG, uns traballos que viña realizando desde finais dos 90. A isto engádese, segundo o comunicado de CCOO e Alas A Coruña, que Ferreiro tramitou varias peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar o seu pai, cunha dependencia do 69%, sen resposta.

A xuíza desbota as acusacións

Na sentenza, a xuíza considera que “ningunha das condutas que na demanda se imputan á empregadora integran o concepto de acoso laboral”.

Afirma, ademais, que consta a intervención de Ferreiro “en noticias relacionadas coa actividade política de concellarías e consellarías, con intervencións públicas de dirixentes políticos e de goberno, en diferentes ámbitos territoriais, no Parlamento da Galiza, en eleccións xerais 2008, relativas á actividade sindical...”. “Non citou o actor (nin resultou do resto de proba) unha soa persoa traballadora con categoría de reporteiro gráfico á que, a diferenza del, se lle encomenden tales actuacións no estranxeiro, recolle a resolución.

A xuíza desbota que Ferreiro fose illado “das sáus redes sociais no traballo”. “Non constan mofas, burlas, escarnio, encargo de tarefas abusivas ou impropias da súa categoría profesional”.

Por outra banda, advirte de que o traballador non achegou “ningún documento indiciario de que está sendo obxecto dun trato desigual inxustificado” por ser activista LGTBI e a respecto dos traslados á delegación da Coruña, “quedou acreditado de forma rotunda que non estamos ante unha situación discriminatoria do actor porque vén afectando a un importante número de traballadores”.

A respecto dos cursos de formación, a maxistrada indica na resolución que Ferreiro “foi convocado con normalidade á formación obrigatoria impartida nos últimos anos” e conclúe que “non constan en demanda os feitos susceptíbeis de vulnerar o dereito ao honor do traballador”.