Social

O xulgado rexeita a denuncia do marido dunha sanitaria que pretendía reforzar medidas para protexerse da COVID-19

Hospital Montecelo de Pontevedra (Europa Press).
Un xulgado de Pontevedra desestima impoñer ao hospital Montecelo as medidas exixidas polo marido dunha sanitaria para protexerse a si mesmo e ao seu fillo fronte á COVID-19.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra rexeitou a solicitude de medidas cautelares interposta por un avogado, no seu nome e no do seu fillo, a respecto do tratamento de enfermos de COVID-19 no hospital Montecelo.

O demandante, marido dunha auxiliar de enfermaría do centro, exixía a adopción de "medidas de reforzo de material e de persoal" para defender a súa saúde e a do seu fillo, menor de idade. Ademais, reclamaba a colocación dun único paciente afectado por COVID-19 na quinta planta do hospital. 

Este avogado sostén no seu escrito ao Xulgado que o Sergas incorreu en "vía de feito" ao habilitar a planta quinta para o internamento de infectados polo virus, colocar a dous enfermos por habitación e non dotar ao persoal sanitario de equipos de protección.

Con iso, segundo o seu escrito, pon "en grave risco de contaxio" á súa muller, destinada nesa planta. Como el e o seu fillo conviven con ela no mesmo domicilio, entende que con ese risco se afecta o seu dereito fundamental á integridade física e ao dereito fundamental á defensa letrada nos procesos xudiciais porque se a súa esposa lle contaxia a COVID-19 se verá "imposibilitado" para asesorar e defender xuridicamente aos seus clientes.

Con todo, o xuíz salienta na sentenza que, tal como acredita o Sergas, "as decisións adoptadas sobre o destino e organización da planta quinta do hospital Montecelo ante a crise da COVID-19 están motivadas e ditáronse no marco duns protocolos aprobados pola Administración sanitaria". Polo tanto, a actuación denunciada polo actor, segundo o fallo, non constitúe unha "vía de feito", na que incorre a Administración cando actúa un órgano manifestamente incompetente ou prescinde por completo do procedemento estabelecido. 

"O actor poderá discrepar, pero non tachar esa decisión organizativa de 'vía de feito", recalca o xuíz, quen indica que a mesma conclusión se alcanza a respecto da denuncia sobre a ausencia de medios materiais necesarios para evitar o contaxio.

Ademais, destaca no fallo que a pretensión do demandante "pon en evidencia a súa falta de lexitimación activa", pois a súa acción se dirixe "a defender intereses alleos: s seguridade e saúde no traballo de terceiros que non son parte no proceso xudicial". 

"É moi significativo que a principal afectada pola situación de risco laboral que denuncia, a súa propia esposa, non asinase a reclamación previa, nin forme parte deste proceso. Tampouco o fixo ningunha organización sindical dos empregados do hospital", recalca o maxistrado. 

O titular deste xulgado pontevedrés tamén considera que a solicitude de medidas cautelares é inadmisíbel, segundo recolle a sentenza, porque para os supostos de "vía de feito", que é a que expón o demandante, a lei dispón que se o actor formula un requirimento previo na vía administrativa, a Administración dispón do prazo de dez días para respondelo. Mentres tanto, non se pode interpoñer o recurso contencioso-administrativo nin, consecuentemente, solicitar medidas cautelares por vía xudicial. "Neste caso, con toda evidencia, o actor interpuxo a súa solicitude de medidas cautelares cando aínda non transcorrera o prazo de dez días desde a data de entrada do requirimento previo no rexistro do Sergas", destaca o xuíz.