O Poder Xudicial bosquexa un plan de choque para tratar de evitar o colapso dos xulgados

Imaxe dunha vista oral nos xulgados da Coruña. (Europa Press)

A comisión permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) toma hoxe coñecemento dun documento proposta que inclúe  unha centena de medidas organizativas e procesuais para incluír no plan de choque co que se pretende evitar un colapso da Administración de Xustiza ao remate do estado de alarma.


 

O Consello Xeral de Poder Xudicial (CXPX)  remitirá "de inmediato" ao Ministerio de Xustiza, ás presidencias dos Tribunais Superiores de Xustiza, asociacións xudiciais e demais operadores xurídicos, a proposta, un documento de traballo, e polo tanto aberto a debate e inclusión de achegas, con medidas que, segundo informa o CXPX, buscan "axilizar ao máximo a resolución daqueles asuntos cuxa demora incida máis negativamente na recuperación económica e na atención aos colectivos máis vulnerábeis" e proporcionar á xudicatura e maxistratura "un escenario fiábel para a volta á normalidade, con mecanismos que lles permitan afrontar con menor dificultade o incremento das cargas de traballo ao que terán que facer fronte".

A proposta recolle medidas de carácter xeral, como a aplicación de mecanismos de reforzo nos órganos que resulten sobrecargados, o estabelecemento de normas de reparto e especialización dos xulgados na orde civil excedendo o ámbito territorial do partido xudicial ou a habilitación plena do mes de agosto para a tramitación e resolución ordinaria dos procesos xudiciais.

En materia de xurisdicional civil, o documento formula a aprobación de medidas lexislativas urxentes que permitan maior flexibilidade nas actuacións, como a posibilidade de outorgar os apoderamentos ' apud acta' até o momento previo á celebración do acto de audiencia previa ou a exixencia ás partes da achega dun correo electrónico ou teléfono nos seus escritos alegatorios para axilizar as citacións e notificacións perante eventualidades en defecto de procuradora.

Tamén se contempla fixar criterios interpretativos que eviten respostas xudiciais enfrontadas e desincentivar as litigacións sen fundamento mediante a regulación específica da condena ao pago das costas procesuais ou a posibilidade de impoñer unha multa como consecuencia do mantemento de posicións inxustificábeis.

No ámbito do dereito de familia, as medidas na orde xurisdicional civil expostas recollen o mantemento dos reforzos acordados até o momento nos Xulgados de familia, a inmediata posta en marcha dos xulgados previstos para marzo e xuño de 2020 e a inclusión dun trámite de incidente de execución rápido para a resolución das peticións de compensacións de réximes de visitas para proxenitores que durante a vixencia do estado de alarma non puidesen gozar do marcado por resolución xudicial.

Na especialidade de mercantil, se aposta por medidas encamiñadas a racionalizar o traballo das oficinas xudiciais, evitando que as reclamacións en masa que neste momento non son prioritarias colapsen a tramitación dos procedementos de insolvencia. Tamén se quere axilizar a tramitación dos procedementos concursais e permitir unha nova negociación da súa débeda a quen está cumprindo un convenio, un acordos extraxudicial de pagos ou un acordo de refinanciamento.

Na orde xurisdicional social, qencargada dos asuntos laborais, formúlanse reformas en materia procesual como a ampliación dos prazos de caducidade na mediación e/ou conciliación  pre-procesual, a realización dos actos de conciliación e xuízo en dúas convocatorias diferentes ou a xeralización da comunicación telemática dos xulgados cos servizos de mediación, FOGASA ou órganos da administración e por potenciar o ditado de sentenzas " in  voce", é dicir, orais.

 

;