O xulgado decreta o internamento nun centro dos menores presuntamente implicados no asasinato de Samuel

Amizades de Samuel no decorrer da concentración na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
A maxistrada que tomou declaración aos catro adultos detidos pola súa posíbel relación co crime optou por enviar a prisión, comunicada e sen fianza, aos tres varóns mentres que a muller, de 19 anos, quedou en liberdade coa obriga de presentarse ás comparecencias no xulgado. Mentres continúa a investigación, organizacións LGTBQI+ manteñen a súa convocatoria de manifestación en protesta polo asasinato para este domingo ás 19.30 horas.

O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña vén de decidir internar nun centro aos dous menores de idade detidos en relación ao asasinato de Samuel Luiz, un mozo de 24 anos, o pasado sábado na Coruña.

Este decreto era o agardado despois de que na noite da sexta feira a Fiscalía de Menores anunciara que tiña previsto facer esta solicitude. No entanto, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza explicou que non foi o xulgado especializado en menores o que deu a orde pois non está de garda, como si o está o de Instrución.

Os dous mozos foron detidos na mañá da sexta feira, despois de que xa estiveran arrestadas outras catro persoas como presuntos autores da malleira mortal a Samuel. Os rapaces pasaron a disposición xudicial no mesmo día porque, segundo a Lei de Responsabilidade Penal do Menor, "os menores acusados non poden ficar máis de 24 horas na comisaría sen pasar a disposición xudicial".

Ademais destes dous posíbeis implicados no ataque que lle custou a vida a Samuel, na sexta feira ordenouse o ingreso na cárcere, comunicada pero sen fianza, de tres dos catro detidos maiores de idade.

En concreto, estarán en prisión provisional os tres homes -un dos cales mesmo puido roubar o móbil da vítima, atendendo ás informacións xudiciais dadas a coñecer na sexta feira- mentres que a moza, de 19 anos, quedou en liberdade. Porén, terá que comparecer ante o xulgado cando se lle marque. A maxistrada que deu este paso explicou no auto que se enviaba a prisión aos tres varóns investigados para saber se participaron na malleira por risco de fuga ou pola posibilidade de que eliminasen algunha proba do delito de asasinato ou homicidio, aínda por aclarar no proceso.

Malia estes avances, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, incidiu en que "as pescudas seguen o seu curso" e, en consecuencia, "non se descartan novas detencións". De feito, nas imaxes do ataque distribuídas pola internet pode verse como o mozo é atacado por máis de seis persoas.

Respecto do posíbel móbil LGTBIfóbico, agrupacións deste colectivo teñen convocada unha manifestación "contra o odio e a indiferenza" este domingo as 19.30 horas. Esta sairá da praza da Palloza para ir até María Pita. Aliás, nas últimas xornadas decorreron actos de homenaxe a Samuel Luiz de forma máis íntima, como a solta de globos que fixeron compañeiras e compañeiros da residencia de maiores de Padre Rubinos, que se puido ver a través da rede social Tik Tok.