Decretan prisión para os tres varóns acusados do asasinato de Samuel mentres a muller fica libre

Un dos arrestados é levado a declarar por un axente. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A xuíza considera que os catro sospeitosos maiores de idade -na sexta feira quedaron arrestados dous rapaces menores- puideron cometer un delito de homicidio ou asasinato, aínda por aclarar. Un dos menores xa pasou a disposición do fiscal e está previsto que nas próximas horas suceda o mesmo co outro mozo. De feito, transcendeu que a Fiscalía pedirá ao xulgado de garda o internamento dos dous nun centro de menores.

[Actualizada ás 21.35 horas]

A maxistrada responsábel do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña vén de decidir enviar aos tres varóns maiores de idade -nesta sexta feira transcendeu a detención doutros dos rapaces, neste caso menores- detidos polo asasinato de Samuel Luiz a prisión. Será nun réxime provisional, sen posibilidade de fianza pero si terán comunicacións.

Os tres acusados, veciños da cidade con idades comprendidas entre os 20 e os 25 anos, son considerados autores da malleira mortal (na que estiveron implicados máis individuos) que recibiu o mozo de 24 anos o pasado sábado de madrugada. Pasarán un tempo na cadea porque, ao entender da xuíza, existe un risco de fuga ou de destrución de probas sobre o asasinato.

Os homes, ao igual que unha cuarta detida maior de idade, pasaran a disposición xudicial na mañá da sexta feira pero a xuíza decidiu que a moza -de 19 anos- quede en liberdade. No entanto terá a obriga de comparecer no xulgado. En contra do que se pensaba nun primeiro momento, semella que Fiscalía non tiña demandada unha pena de cárcere para ela.

A responsábel da sala conclúe que os catro son sospeitosos de ter cometido un delito de homicidio ou asasinato, aínda por aclarar no proceso de instrución. Segundo fontes xudiciais, ningún dos investigados pediu acollerse ao seu dereito a non declarar.

Rexeitan que se trate dun delito de odio

A isto súmase que a investigación sobre o móbil do crime segue aberta, mais entre a cidadanía cobra forza a motivación LGTBIfóbica após coñecer as declaracións das amizades de Samuel, que dixeron que lle atacaron con insultos homófobos.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, os catro primeiros detidos aseguraron que non coñecían á vítima e rexeitaron que o ataque respondera a un motivo de odio ou de compoñente de tipo sexual. A muller só contestou aos interrogantes que lle fixo o seu avogado, Luciano Prado.

A presunta agresora que quedou libre pero coa obriga de acudir ás comparecencias cando a chamen afirmou que "en ningún caso" agrediu Samuel nin animou a ninguén a facelo. De feito, ante a xuíza subliñou que mesmo recriminou a actitude do seu mozo, un dos detidos (de 20 anos) que ingresarán no cárcere.

A outro dos arrestados -de 18 anos-, neste caso defendido por Ramón Sierra, atribúenlle o roubo do móbil da vítima, ademais do asasinato ou homicidio. Este foi o único que aceptou dar resposta ás preguntas de todos os letrados, mentres que os outros dous compañeiros seguiron a liña da moza falando só cos seus representantes legais. En liñas xerais, destacaron que a malleira decorreu porque pensaban que os estaban a gravar e non por outro motivo, pois incidiron en que non coñecían á súa vítima.

Pola súa banda, Sierra garantiu que o seu cliente é "inocente". Dixo que non participou "non no linchamento nin no que está considerado como homicidio". Porén, algunhas das cidadás que se achegaron aos xulgados -a maioría para increpar aos detidos- solicitáronlle que se aparte do caso como fixera co do Chicle.

En paralelo a estas declaracións, avanzouse que os dous menores arrestados na sexta feira pasarán a disposición da Fiscalía de Menores. De feito, a última hora da tarde xa se producira ese proceso cun dos detidos, que son amigos do grupo de adultos, e está previsto que na noite tamén remate o trámite co outro rapaz. Vén de transcender que a Fiscalía pedirá ao xulgado de garda o internamento dos dous nun centro de menores.

O caso segue baixo secreto de sumario e nos próximos días comparecerán ante a xustiza as testemuñas do crime.

Críticas a Feixoo

Mentres nas declaracións chegaron as negativas ao crime homófobo, asociacións LGBT+ cargaron nas redes contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, polas declaracións realizadas ao ser preguntado polos medios se consideraba o asasinato de Samuel como LGTBIfóbico. Feixoo dixo que a Xunta se posicionará cando se lle notifique o móbil do asasinato, e sinalou que os detidos afirmaron que non coñecían a vítima, e preguntouse "se se pode, en consecuencia, sacar unha extrapolación directa, inmediata e relacionada entre a causa, disparatada, e o efecto".