Xuízo do Alvia

O xuízo do Alvia chega ao seu remate coas vítimas reclamando xustiza

Cortabitarte diante de Garzón -detrás, chorando- durante unha sesión do xuízo. (.Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press).

O xuízo do caso Alvia fica listo para sentenza tras desenvolverse esta quinta feira a súa última vista na Cidade da Cultura de Compostela. Á espera da resolución xudicial, as vítimas cargan contra a Fiscalía e o Goberno do Estado e, á vez, reclaman xustiza.

O xuízo do caso Alvia chegou esta quinta feira á súa última sesión. Malia que os únicos acusados, o maquinista do tren sinistrado, Francisco José Garzón, e o ex director xeral de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, renunciaron a facer uso da palabra para fechar a vista, si o fixeron os seus representantes legais, que pediron a libre absolución dos seus defendidos. Ao tempo, as vítimas e familiares das vítimas volveron denunciar as “mentiras” da Fiscalía e da Avogacía do Estado e reclamaron xustiza para as 80 mortas e mortos do accidente.

O avogado do antigo director de Seguridade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) reiterou a inocencia do seu representado e afirmou que “todo en Adif e Renfe se fixo ben, agás a conduta do maquinista". Neste sentido, criticou que se poña o foco no seu cliente, situándoo como "unha especie de Cid Campeador de todo o sistema ferroviario", mentres "non se sabe de que se lle está acusando". Nesta perspectiva, aseverou que “o procedemento tornou en buscar, e segue a buscarse, que feitos poden serlle atribuídos".

O letrado de Cortabitarte argumentou que “o accidente explícase por si mesmo coa conduta do maquinista, que é unha causa directa e eficiente, anómala e inusual que impide regresar a outras causas que se chamaron neste xuízo subseguintes". Así, puxo de manifesto que o seu defendido nunca "infrinxiu ningún deber de coidado", actuou "dentro do risco permitido" e apuntou que "agora parece que se centra todo [o xuízo] no certificado [en referencia ao documento que asinou Cortabitarte para deixar a liña sen o sistema de seguridade ERTMS".

A defensa de Garzón

O representante legal de Garzón presentou o seu cliente como "unha vítima" e sinalou que "non é responsábel da neglixencia de Adif". Nesta orientación, considerou que acusacións que pairan sobre el, "non son constitutivas de delito" e cualificou de "nesgado" o relato de Adif. Tamén defendeu que Garzón falou "libremente desde o mesmo instante en que se produciu o sinistro", mantendo unha "liña coherente e real" desde o principio. Asemade, culpou a Adif de crear “un risco intolerábel”.

O avogado do maquinista expuxo que “Adif nin avaliou nin xestionou o risco intolerábel”, afirmando que “esta é a causa raíz do accidente, sendo previsíbel o erro humano de calquera maquinista". Na mesma liña, denunciou a "falta de análise e mitigación dos riscos, a falta de sinalización na curva e de protección do tren", o "deficiente cadro de velocidades máximas" así como a "deficiente formación" do maquinista. Nesta lóxica discursiva, subliñou que Adif "tiña o deber de garante" e, pola contra, puxo en funcionamento a liña de tren Santiago-Ourense "en condicións inseguras de explotación".

O relato da Fiscalía

A última fase do procedemento aberto polo sinistro de Angrois (Compostela), de 24 de xullo de 2013, estivo marcada pola decisión do fiscal do caso, Mario Piñeiro, de exculpar Cortabitarte, malia consideralo responsábel da desconexión do sistema de seguridade ERTMS do tren sinistrado. A este respecto, defendeu que a decisión do director de Adif non tivo ningunha incidencia no acontecido, a diferenza do sinalado por el mesmo no primeiro escrito de conclusións e do recollido no informe da Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da Comisión Europea.

Piñeiro concluíu que “este sinistro explícase causalmente, ao meu modo de ver, polo comportamento do maquinista. Sen o comportamento do maquinista non se explica. Sen esta chamada e sen estas circunstancias da chamada, non se explica”. Ao tempo, cualificou a actitude de Garzón como "unha imprudencia grave, sen a menor dúbida" e denunciou que nos minutos previos ao accidente o “maquinista e o interventor puxéronse a falar sen máis (...) sen sentido”, nunha comunicación que considera fóra de “servizo”.

O discurso asumido pola Fiscalía é coincidente co relato mantido polos diferentes Gobernos españois desde o sinistro. A versión, defendida desde o inicio da vista pola Avogacía do Estado, sustentábase nas conclusións dun informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), adscrita ao Ministerio de Fomento, que concluíu en maio de 2014 que as causas do accidente foron o exceso de velocidade e o descoido do maquinista. Só dous anos máis tarde, a Axencia Ferroviaria da Unión Europea impugnou esta investigación ao considerar que “non foi independente” e que nela non se abordaron “elementos chave”.

O cambio de posición anunciado polo fiscal do caso o pasado 20 de xuño foi duramente criticado polas vítimas e os seus representantes legais. Así, o voceiro dos afectados polo sinistro, Jesús Domínguez, acusou Piñeiro de “obediente”, denunciou que “o fiscal non é independente" e afirmou que o fiscal xeral do Estado "recibiu a orde" de que se produza esta mudanza. Na mesma dirección, o avogado das vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, lembrou que a Fiscalía é "nomeada polo Goberno".

Desde o comezo da vista, as vítimas e familiares das vítimas denunciaron diversas manobras para exculpar Cortabitarte. Neste sentido, destacaron o carácter político da responsabilidade do ex director xeral de Seguridade de Adif, nomeado para o cargo en 2006 pola ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, e renovado polos seus sucesores, José Blanco e Ana Pastor.


Un sinistro ferroviario con 80 mortes á espera de responsabilidades políticas

Os dous grandes ausentes no xuízo do Alvia para as vítimas son os antigos ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor. Nese sentido, as vítimas do accidente denunciaron que Blanco “asinou e autorizou o cambio de proxecto orixinal, suprimindo o sistema de seguridade [ERTMS] no tramo máis perigoso, onde aparece a primeira curva despois dunha longa recta” e acusárono de “enganar toda a cidadanía e a UE” ao informar esta última de que "a liña contaba co sistema de seguridade propio da alta velocidade" na súa totalidade.

A Pastor culpárona de ser a responsábel da desconexión do sistema de seguridade ERTMS na zona de Angrois e de entorpecer a investigación. En 2016, sendo ministra, remitiu unha carta á comisaria de Transportes da UE para evitar que se fixese público un informe da Axencia Ferroviaria Europea onde se evidenciaban as responsabilidades das autoridades españolas no sinistro.

As dúbidas sobre o papel xogado polas autoridades españolas no accidente e na súa xestión levaron en xullo 2017 a Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da Comisión Europea a reclamar ao CIAF a reapertura da investigación e levala a cabo con total independencia. As autoridades comunitarias puxeron no foco a falla de medidas de seguridade nalgúns dos tramos do ferrocarril. Neste sentido, en 2013, o propio presidente de Adif, Gonzalo Ferre, chegou a afirmar que “o accidente evitaríase se ese tramo contase co sistema de seguridade ERTMS e a máquina tivese o sistema abordo”.