Accidente de Angrois de 2013

Semana chave no xuízo do Alvia: declaran o ex director de Seguridade de Renfe e o ex xefe da Axencia Ferroviaria Europea

Unha das avogadas do Estado, no centro, antes de retomarse unha nova sesión do xuízo polo accidente de Angrois de 2013. (Foto: Europa Press)
Antonio Lanchares e Christopher Carr están citados a declarar entre a terza e a quinta feira na Cidade da Cultura de Compostela.
  1. Lanchares dimitiu
  2. O informe independente
  3. O compromiso de Carr

O xuízo polo accidente do tren Alvia afronta unha semana chave a partir desta terza feira coa declaración do ex director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, e a comparecencia prevista para a quinta feira do ex xefe da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr.

Van xa 15 xornadas nas que a xuíza e os avogados das numerosas partes implicadas escoitaron, en primeiro lugar, o maquinista e o alto cargo de Adif, que son os dous procesados, Francisco Garzón e Andrés Cortabitarte, respectivamente. A ambos os dous xúlgaselles por 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro por frear tarde e tomar a curva con exceso de velocidade e ao segundo pola análise de riscos da liña.

Lanchares dimitiu

Após unha serie de testemuñas, os pasados días deuse inicio á quenda dos cualificados como testemuñas-perito, entre os que figuran Lanchares e Carr. En primeiro lugar comparecerá Antonio Lanchares, o homólogo de Cortabitarte en Renfe. En setembro de 2018, máis de cinco anos despois do sinistro, transcendeu que o Ministerio de Fomento aceptara a dimisión que presentara.

Nese momento, no que se atopaba próximo á súa xubilación, estaba imputado na causa xudicial, en fase de instrución, pero finalmente esta condición foille retirada. A súa vontade de renunciar ao cargo manifestouna, naquela época, xusto tras a reunión do ministro José Luis Ábalos coas asociacións de vítimas, segundo indicaron fontes de Renfe.

O informe independente

Tamén está convocado para a terza feira, en primeiro lugar, Manuel Ramos, responsábel de Seguridade de Thales —empresa integrante da UTE da liña entre Ourense e Santiago— para a instalación do sistema 'ERTMS' en vía. A continuación está citado Francisco Abadía e logo será a quenda de Lanchares.

Xa na cuarta feira comparecerán tres técnicos do equipo de Ineco que redactaron o informe de avaliación independente, o coñecido como 'ISA', sobre o dossier de seguridade que elaborou a UTE. Trátase de Laura López, Javier Salvador Arriaga e Jorge Merino.

Un técnico que coordinou a documentación de seguridade da UTE ratificou a pasada quinta feira que o dossier de seguridade só se fixo para o tramo que vai até antes da curva da Grandeira, posto que o 'ERTMS' chegaba até ese punto ao ser retirado dos últimos quilómetros do trazado nun cambio de proxecto.

O compromiso de Carr

Pola súa parte, a quinta feira será o primeiro en declarar Christopher Carr, xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea na data dos feitos. En novembro de 2015, unha delegación da plataforma de vítimas viaxou convidada polo BNG a Bruxelas, visita durante a cal se reuniron con responsábeis da dirección xeral de Transporte da Comisión Europea (DG Move) e membros da Axencia Ferroviaria Europea, que se comprometeu a estudar as súas denuncias.

Este compromiso frutificou nun informe que se deu a coñecer en xullo de 2016. O documento, elaborado pola Axencia Ferroviaria Europea a pedimento da Comisión Europea, censurou que a investigación que realizou o Estado español sobre a traxedia —a da comisión de investigación de accidentes ferroviarios— non foi independente e non abordou "elementos chave".

Ese informe da CIAF —única investigación oficial realizada aínda hoxe por España— apuntaba só ao maquinista e o exceso de velocidade como causas da traxedia.

Máis adiante, a plataforma trasladou ao xuíz instrutor unha comunicación de Carr co presidente desta asociación de vítimas na que dicía, tras estudar este caso, que "o risco foi identificado" na liña do accidente pero "exportado ao condutor", cando o xestor da infraestrutura (Adif) tiña que xestionalo para reducilo, pero simplemente o pasou ao maquinista.

Christopher Carr compareceu na comisión de investigación do Congreso e o apoio de Europa ás reivindicacións das vítimas foi determinante no transcurso do desenvolvemento xudicial.

Logo de Carr, tamén na quinta feira, está previsto que declaren o director de Seguridade na circulación de Adif, David Gómez e o director de Tráfico de Adif, Francisco José de la Vega.