A vítima conta con dous partes de lesións do Hospital Clínico de Compostela

A xuíza de violencia de xénero de Compostela denégalle unha orde de afastamento a unha denunciante de malleiras habituais

A denunciante deu conta diante da xuíza de malos tratos habituais. (Foto: Nós Diario).

A titular do xulgado de violencia sobre a muller de Santiago de Compostela, após de recibir declaración este sábado dunha sobrevivinte de violencia de xénero, que relatou malleiras constantes dende setembro de 2021, desconsiderou toda a súa declaración para denegarlle a orde de afastamento. Segundo documentación á que tivo acceso Nós Diario, a xuíza denegou a orde de protección á denunciante argumentando  que “non ficaron acreditados un risco obxectivo para a vítima e os feitos acreditados só son constitutivos dun delito leve de inxurias ou vexacións inxustas” 

A denunciante relatou no xulgado que desde setembro de 2021 viña  recibindo agresións por parte da súa antiga parella. Asemade, testemuñou que a última malleira recibiraa a semana pasada que tras algunha delas acabou por ser abandonada no monte, despois de retirarlle o teléfono móbil de madrugada, sen posibilidade de chamar aos servizos de emerxencias ou sanitarios.

"Vanche fechar boca”

A vítima decidiuse a denunciar  unha vez que recibiu unha mensaxe ameazante, sinalando que "vanche fechar boca", na que percibiu xa un risco definitivo para a súa vida. Esta circunstancia da falla de denuncias e asistencias médicas anteriores foi utilizada contra ela pola Xulgadora, para denegarlle a orde de protección.

A denunciante acudiu ao xulgado acompañado dunha testemuña que declarou que desde o mes de decembro lle leva aconsellando á afectada que denuncie na policía relatando varias agresións.

A testemuña declarou ante a xuíza que a sobrevivinte lle refería os insultos que recibía constantemente por parte da súa exparella, e que até en tres ocasións puido ver persoalmente os mouratóns que a sobrevivinte tiña nos antebrazos e no pulso.

Atención hospitalaria

A acompañante da vítima asegurou á xuíza que tamén puido ler mensaxes ameazantes e insultantes e que mesmo  acompañou á denunciante ao hospital nunha ocasión para ser tratada dos golpes recibidos.
A vítima conta con dous partes de lesións do Hospital Clínico que constatan os hematomas e traumatismos craniais, así como as contusións e a tendencia ao pranto cando relata o acontecido.

A xuíza rexeitou a orde de protección solicitada polo Ministerio Fiscal. A mesma reclamaba a prohibición de achegarse a unha distancia inferior a 500 metros do domicilio da denunciante, lugar de traballo ou calquera outro lugar que frecuente, así como a prohibición de comunicarse coa mesma por calquera medio, escrito, falado visual directa ou indirectamente.

“Unha muller de orixe estranxeira”

O avogado da acusación particular, Brais González, sinalou a Nós Diario que “a xuíza, estivo interrogando á vítima sobre cuestións absolutamente improcedentes, como a súa vida privada e temas sen ningún tipo de relación coas malleiras que a vítima denunciou, o que motivou as protestas da representación”. Neste sentido, “a acusación particular ten a convicción de que o feito de que a denunciante sexa unha muller de orixe estranxeira afectou de maneira absoluta na desatención ao seu caso, e na denegación da orde de protección.

“Este tipo de comportamentos do xulgado de violencia sobre a muller supoñen unha auténtica disuasión para que as vítimas poñan o seu caso en coñecemento das autoridades e un desalento irreparábel para persoas coa coraxe da sobrevivinte que logo de todo un proceso como o desta semana quedan nunha situación de clara desprotección, con risco real para a súa vida”, afirmou González.

González adiantou que “recorrerá por todos os medios necesarios esta decisión pero advirte que neste caso ademais é precisa unha reacción máis ampla da sociedade no seu conxunto para protexer á denunciante onde a institución a abandona, e especialmente para garantir que a súa voz se tome en serio en todo o proceso que lle queda por vivir”.